A Galicia atascada

AS PÁXINAS E AS HORAS

Publicado: 12 mar 2025 - 04:00

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Póñome a escribir (ás veces eu diría bótome, xa saben…) logo de ler unha reportaxe feita arredor dos tres cuartos de século que se fan dende que botou andar a Editorial Galaxia. De seguido leo, no mesmo xornal, outra reportaxe máis, que alude a César Cunqueiro e ó seu Boletín Literario Mindoniense. Setenta exemplares que reparte entre unha escolma de “intelectuais, profesores e xente interesada”. Lástima non ser un deles. Tamén no mesmo xornal leo outra reportaxe máis, esta de outra índole pero, de novo, referida a este noso pequeno, verde e ás veces triste paisiño noso. O titular que encabeza á reportaxe é contundente: “El Congreso atasca con más de 1.200 prórrogas la resolución de asuntos claves para Galicia”. Aí queda iso!

Tempos houbo nos que ó presidente galego se lle recibía, grazas tamén á axuda da Galicia emigrada, con honores de xefe de estado ou que un conselleiro do goberno galego podía inaugurar co presidente arxentino a Feira do Libro de Buenos Aires ou ir almorzar con el na súa residencia de Los Olivos. Daquela o país estaba mobilizado

Di César Cunqueiro que “está xubilado é que, ós seus 83 anos (…) sitúase máis alá do ben e do mal, procura ser xusto e non ter prexuízos con ninguén”. Na foto que ilustra a reportaxe está flanqueado por Xesús Alonso Montero, Rexina Vega e máis Estro Montaña que tampouco non son xente que se teña calado todo aquilo que pensan e lles preocupa.

A verdade é que non sei por onde botar andar pra dicir o que todo isto me fai cismar arredor deste país no que estamos a desaproveitar, case que diría a estragar, o traballo botado andar logo da constitución do Parlamento de Galicia e a sucesión dunhas leis, promulgadas dende el, que nos forneceron de tantos instrumentos coma dos que nunca dispuxeramos dende que a nosa representación nas Cortes Españolas era exercida a través dos deputados zamoranos…onde vai a data. Tanto tempo transcorrido dende entón suxire a pregunta de onde está a actitude que nos devolva a esperanza? Dígoo pensando nesas 1.200 prórrogas. Será cousa debida a tanto sentidiño como se nos recoñece e tan loubado ven sendo, non se sabe se o abondo interesadamente como pra nos manter calados? Quen o sabe!

Celebremos, xa que logo, a longa vida da Editorial Galaxia e desexémoslle toda a perennidade que o país precisa. Pero saibamos que, se mudou a realidade, debe mudar a resposta.

Aplaudamos o exemplar exercicio de coherencia de César Cunqueiro. Claro que si, que debemos facelo, pero de paso sería bo que nos preguntásemos (e nos respondésemos debidamente) a razón de tanta e tanta demora na resolución desas 1.200 nosas demandas.

Algo non estamos facendo ben. No mesmo xornal, no mesmo día e a volta de páxina lemos que o presidente galego “se entrevistará con el jefe de gabinete de Milei en el inicio de su viaje a Argentina”. Tempos houbo nos que ó presidente galego se lle recibía, grazas tamén á axuda da Galicia emigrada, con honores de xefe de estado ou que un conselleiro do goberno galego podía inaugurar co presidente arxentino a Feira do Libro de Buenos Aires ou ir almorzar con el na súa residencia de Los Olivos. Daquela o país estaba mobilizado. Nada presaxiaba o parón, o marasmo actual, a perda de ilusión que nos tolle e ameaza. E que cadaquén pense o que queira. Pero se cambiou a realiadade debe cambiar a nosa resposta.

Contenido patrocinado

stats