Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Israel y la pena de muerte
DENDE SEIXO-ALBO
Cando chegan as datas sinaladas no calendario e os anos xa pesan, semella moi complexo fuxir dos recordos, polo que as imaxes volven á retina e as comparanzas fanse unha obriga. A vida dos humanos está sempre rexida polo calendario e os acontecementos que xorden día a día. Vivimos nunha sociedade que é viva e que non é estática nin inmutabel, polo que que falar de que calquera tempo pasado sempre pode entenderse que foi mellor co presente, pode levarnos ó engano, dado que non podemos vivir a contracorrente ou a destempo do presente. Sinalei que cada época ten as súas características e os seus problemas. Mais ollar as diferencias sen caer no tópico de volver a eses tempos, entendo que é cousa boa para comparar como se vivía coa realidade actual. Contar como era tal ou cal asunto pode facerlles ver os nosos descendentes, sobor de todo ós máis novos, cousas que eles descoñecen para que entendan e perciban a evolución que houbo dende os anos sinalados.
La Región lémbranos cada día moitos acontecementos que pasaron nesta cidade e provincia en datas que quedan atrás. Ben, pois eu quero contarlles ós máis novos como era á Semana Santa cando eu era rapaz. Primeiro: a semana tiña unha preparación que xa comezaba con aquelo de non poder comer carne e de gardar abstinencia os venres de toda a Coresma. As frebas e o touciño do porco estaban vetados aquel día. Dicía o cura dende o púlpito que, se non se cumpría aquel mandato, era pecado mortal. Chegado o Xoves e o Venres Santo, no rural polas mañás, traballábase nos eidos sementando as patacas, e outra faenas do campo, e pola tarde íase ós oficios na igrexa do lugar. As igrexas tiñan os santos tapados cunhas teas moradas e os actos, entre eles o viacrucis, eran seguidos por moita xente, pois no rural daquela era moi raro que se falara de vacacións. As emisoras de radio, pois a tele aínda non existía, emitían música clásica ou seria, cuestión que para min era moi interesante pois gustábame moito, mais para a maioría era moi aburrido.
A Semana Santa no rural era moi diferente ó que acontecía na cidade
Na cidade, os locais de lecer estaban pechados e os cines emitían películas de carácter relixioso. Logo viñan as procesións un tanto tristeiras, pois ós máis novos metíannos moito medo aquelas comitivas un tanto escuras nas que ían en ringleira xentes de negro xunto ás autoridades políticas. Logo ían desfilando os soldados coas armas mirando ó chan. Todo era moi triste e medoñento. Na casa dicían que ate que resucitara Xesús había moita tristura e pena e non se podía cantar. Na miña retina aínda están vivas as imaxes do Cristo e a Virxe María levadas polos homes cantando aquelo de: “Perdona a tu pueblo señor...”
A Semana Santa no rural era moi diferente ó que acontecía na cidade. O rural daquela era un mundo moi distinto o de hoxe e nas aldeas e pobos a vida guiábase por outros camiños distintos ós da cidade. Hai moitos mais detalles que podería sinalar, mais pasados moitos anos e vendo o que acontece na sociedade de hoxe, percíbese un cambio radical que vai máis alá dunha cuestión estética. Vai dun modo de vida. Pois hoxe, falar de Semana Santa implica falar de folclorismo que as veces semella un tanto excesivo; implica falar de viaxes, lecer e ir de vacacións. Ademais significa un teatro ás veces esaxerado, onde a estética vai na procura de atraer ós turistas, polo que camiña por riba da relixiosidade.
Hoxe, nas aldeas e pobos, onde as terras maiormente están en ermo, onde as campás xa non se escoitan pois non hai quen as toque, onde a maioría da xente vai de visita a moitos lugares de espallamento para coñecer horizontes, todo esmorece. A vida social que se daba naqueles anos perdeu peso. E as igrexas onde antes non se collía, hoxe están medias baleiras. A día de hoxe a xuventude xa non atopa atractivo nos ritos que ali se fan. Estamos noutro tempo. A sociedade industrial e os avances técnicos nas comunicacións trouxeron outro modelo de vida que xa non está polo sufrimento permanente para acadar a vida eterna. Todos queremos vivir o presente, oolo que a relixión pasou a un segundo plano nunha sociedade moi secularizada.
Hai moitos máis detalles que nos darían un debuxo máis exacto daquela sociedade de hai máis de 50 anos, mais estes poden ser uns apuntes que marcan a diferencia do que era aquela sociedade e do que é no presente. En fin, que cada quen quite as súas conclusións.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Israel y la pena de muerte
Rosendo Luis Fernández
La señora "no necesita abuela"
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Caer rendidos
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
No nos lo contó nadie del Gobierno
Lo último