Opinión

Horrible

Sentou nas vías do tren, vítima dunha aflición incurable, abatido, como diante dun confesionario. Parecéronlle incómodas. Ademais estaban frías. Pero só alí atopou certo acougo. Acababa de facer algo horrible, algo que non entendía cómo puido acabar facendo. Non tiña sentido. Precisamente el, que sempre destacou pola súa sensibilidade e entrega aos demais, caera na peor das vilezas. Fora presa dun momento de obcecación. Toleou durante uns segundos, e cando regresou á cordura, advertiu o desastre que organizara. Xa non tiña remedio. Non había volta atrás e marchou. Escapou. Camiñou sen ningunha dirección concreta horas e horas. O peso da culpa podía sobre o cansazo. Pensou que se chegaba o suficientemente lonxe, sentiría menos propio o horror que provocara. Pero non foi así, e seguiu camiñando. Nunca estaba lonxe de abondo como para esquecer aquela cousa horrible.


Despois de dous días sen deterse, nos que nin comeu nin bebeu, nin puido afastar a pantasma que o perseguía, o mozo chegou ás vías do tren e sentou sobre elas, desfalecido. Arrancou unha herba do chan e meteuna entre os beizos. Achegou os xeonllos ao peito, e abrazou as pernas. Estaba chorando. Logo fechou os ollos para escoitar a natureza que o rodeaba, pero só conseguiu oír a vibración das vías baixo as súas coxas. Achegábase un convoi. Calculou que aínda estaba lonxe. Se a súa intención fora erguerse, sacudir a cueira do pantalón e apartarse da traxectoria do tren, aínda estaba a tempo. Mais o rapaz só quería fuxir do seu destino, non da locomotora. Cando o maquinista distinguiu a alguén sentado na vía, e accionou os freos de emerxencia, soubo que non evitaría o atropelo a menos que o rapaz se erguera e escapara á envergadura do tren. Foi unha morte previsible. O mozo viuna vir e o maquinista viuna vir. Á policía tocoulle reconstruír o escenario e o contexto, que despois dalgunhas pescudas chegou á casa de campo na que a familia da vítima pasaba aquela fin de semana. Alí descubriron os cadáveres dos pais, os avós e os irmáns, e a arma ensanguentada do crime múltiple.



Te puede interesar