Opinión

PREGUNTAS PERFECTAS E RESPOSTAS

Milenios buscando novas respostas deberían facernos pensar se do que se trata, talvez, non será de procurar preguntas. Novas preguntas. Acaso as solucións verdadeiras non teñan nada que ver co desenlace, o achado, e si co conflito. A resolución podería pasar xustamente polo problema, de modo que non sería preciso abandonar o seu terreo para atopar a saída. Parece unha estupidez, e seguramente é unha estupidez, pero iso é o que me fai crer que non debe ser tan estúpido considerar que o valor dunha pregunta sempre será superior ao dunha resposta. Flann O´Brien, na súa novela En Nadar dos Pájaros, desenvolve a teoría de que, en efecto, as respostas non son tan importantes como as interrogacións. 'Unha boa pregunta é moi difícil de contestar. Non hai resposta posible a unha pregunta boa de verdade'.


Hai preguntas perfectas? Quizais. Unha pregunta sen resposta ben podería posuír unha natureza inatacable. Incluso unha pregunta con miles de posibles respostas sería tamén inexpugnable. A ambigüidade é unha riqueza, sostiña Borges en Pierre Menard, autor de El Quijote. Nun diálogo, o medo a deparar unha mala resposta, unha solución inviable, habitualmente é inferior ao ridículo por suscitar unha pregunta insubstancial. Unha resposta incorrecta, no peor caso conduce ao fracaso. Equivocar as solucións forma parte do experimento. É máis, resulta tanto ou máis proveitoso un experimento que non funciona como un que sae ben. Non deberíamos evitar a equivocación. En literatura, hai autores que conciben os seu libros como a remisión continuada dun fracaso. Hai que facer un capítulo dous que sexa a razón de ser das fraquezas do capítulo un, e deixar que as do capítulo dous sexan arranxadas polo tres, e así sucesivamente.


Antes ou despois, se a pregunta está ben enfocada, chega o acerto. Pero cando o erro se suscita na pregunta mesma, impedimos a progresión. Busquemos preguntas iluminadoras. Non necesitamos máis. Ben formulada a pregunta, as respostas volveranse innecesarias. Para que. Cesar Aira está convencido de que as preguntas que se lle fan aos escritores dan a medida da súa importancia máis que as respostas. Cando empezas a túa carreira, e non es recoñecido, os cuestionarios son inextricables. Tipo, 'e qué pensa do existencialismo' ou 'en qué intre matou na súa novela aos seus precursores'. Se todo vai ben, e o autor se consolida, as preguntas pasan a ser 'escribe de noite ou de día'. A gloria chama á porta cando, nun determinado momento, alguén pregunta 'qué roupa viste para escribir'. Fagamos preguntas, só preguntas. Así teremos as respostas.

Te puede interesar