¿Que se lle perdeu a Serafín en Alaska?

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Hai meses, navegando pola rede á procura dunha información que tiña que ver coa crónica daquela semana, atopei unha lacónica nova na que o xornal dáballe a benvida a un veciño de Xixín (Celanova) que regresaba, vinte anos despois, de Alaska

Publicado: 18 ago 2025 - 05:34
POSTALES
POSTALES | La Región

A nova publicouna o sete de febreiro de 1936 este mesmo xornal nun breve de sociedade baixo dunha cabeceira que identificaba o lugar da mesma, é dicir, “Seguín” (actualmente a aldea recibe o nome popular e non castelanizado de toda a vida, Xixín), e literalmente dicía:

“Hemos tenido el gusto de saludar en esta a don Serafín Borrajo Míguez, que después de pasar una veintena de años en Alaska (Estados Unidos), ha regresado a esta villa, en donde pasará una temporada al lado de su madre doña Genoveva Míguez y un hijo de esta y hermano del regresante, don Juan Borrajo. Sea bienvenido”.

A noticia non pasaría da mera anécdota ou da simple licencia persoal dalgún dos redactores do xornal que tivese relación de amizade con el ou con alguén da súa familia, se a mesma non fose reproducida tamén por outros xornais, o que dalgún xeito elevaba a dimensión do personaxe a unha figura de carácter máis público.

Así, por exemplo, dous días despois “El Pueblo Gallego”, se ben no tocante á noticia da chegada de Serafín á súa aldea fai un “copia e pega” da información de “La Región”, logo é máis explícito e completa a mesma anunciando a celebración das festas de San Blas no veciño pobo de Bobadela e aporta como dato interesante que por alí andou o correspondente dese xornal Fausto Ferreiro, quen “tuvo el gusto de pasar las fiestas al lado de Julio Rodríguez, corresponsal de ‘El Pueblo Gallego’ en aquella villa”. É dicir, Celanova.

A referencia informativa completouna o redactor cunha nota sobre a celebración, indicando que “las fiestas ha sido amenizadas por la banda de Vilanova dos Infantes y también los gaiteros de aquella, resultando brillantísimos”.

Fixen este longo exordio co fin de contextualizar nun ámbito que transcenda ó meramente persoal, pois por máis que tratei de indagar algún dato ou algunha referencia noticiable respecto da actividade que desenvolveu Serafín Borrajo durante os vinte anos que levaba residindo en Alaska, todo foi silencio e misterio.

Resulta que nin ó avezado correspondente de “El Pueblo Gallego”, tan puntillista á hora de informar sobre as festas dos arredores de Xixín e mesmo do seu equipo de fútbol, o “Galicia F.C.”, que dirixía outro Borrajo, de nome Eloy, nin tampouco ó redactor de “La Región” se lles deu por manter unha conversa co tal Serafín para saberen -e poder sabermos tamén nós agora- cal fora a travesía que o levara ata tan alexadas terras e que actividade o mantivera durante dúas décadas, alá.

O que si sabemos é que a motivación do regreso a Xixín fora a enfermidade da súa nai Genoveva Míguez, “viuda de Borrajo” e que na compaña da familia estivo case tres meses, ata que a comezos do mes de maio decidiu retornar á súa actividade cotiá -para nós, ó seu misterio laboral- en Alaska, sen sabermos tampouco se retornou algún día ou se definitivamente -coma tantos emigrantes ourensáns- deu conta dos seus derradeiros días nas frías terras árticas.

Chegados aquí é posible que alguén se pregunte cal foi a razón que me levou a escribir sobre unha persoa da que non teño practicamente ningunha información e a resposta é elocuente.

Quen sabe se arestora alguén estará lendo esta páxina e estará atando cabos sobre datas, apelidos e outras circunstancias que nos poidan dar razón de ser sobre que foi o que se lle perdeu a Serafín Borrajo en Alaska en 1916, que non puidera facer en Bos Aires ou na Habana.

Representación das “cencerradas” de Malpica (1788)
Representación das “cencerradas” de Malpica (1788) | La Región

Unha “cencerrada” para unha viúva á que non querían deixar casar e que acabou en traxedia

Aqueles que, coma min, gracias á xenerosidade das hemerotecas dixitais, así como a portais tan fértiles e agradecidos coma Galiciana, adoitan “perderen” o tempo na procura de noticias de noutrora, non me deixarán mentir cando afirmo que tal exercicio ven a ser dun xeito figurado como extraer cereixas dunha cesta, porque ó turrar dun ramillete, este queda prendido doutro e este doutro e así sucesivamente ata conseguir un mangado farturento.

Digo isto porque ó andar á procura dos Borrajo de Xixín, din con outra póla da familia -debían estaren casados dous irmáns con dúras irmás- e cheguei a unha necrolóxica de setembro de 1935, que informaba de que “a la avanzada edad de 86 años dejó de existsir en el vecino pueblo de Ribeiro, la bondadosa señora doña Benita Míguez”, viúva tamén doutro Borrajo, cun fillo chamado Gumersindo e neste caso residente en Bos Aires, e outras tres fillas residentes na unidade familiar.

Un cadro de Laxeiro.
Un cadro de Laxeiro. | La Región

Como tamén cheguei a outro suceso -lutuoso- que tivo lugar na parroquia dez anos denantes e sobre o que tomo a precaución de informar sen identificar nominalmente ós seus autores.

Escibe “El Compostelano” do trece de outubro de 1925 que: “Comunican de Orense que en el lugar de Ribeiro ocurrió el domingo un sangriento suceso. Varios mozos de la parroquia venían dando cencerrada durante varias noches a una viuda llamada J.B.

El domingo, cuando pasaba por un camino inmediato a la casa de ésta un individuo llamado G.V. sonaron tres disparos que le alcanzaron, mantándole. La víctima iba acompañada de dos hijos. Las sospechas recaen especialmente sobre L.C.”

Ó parecer -amplía a información ese mesmo día o xornal “La Zarpa”, varios mozos de Bobadela reuníronse unha noite para cantarlle coplas e cantigas de escarnio á devandita viúva (isto de ir facer ruído diante da casa da viúva con chocas, latas e outros obxectos cotiáns era un vello costume popular) denantes da cerimonia e un deles -posiblemente un familiar- aproveitou para dispararlle ó futuro contraínte co fin de evitar o matrimonio e ó mesmo tempo o risco de que o patrimonio da viúva fose parar a outra familia. Foron detidos catro mozos, tres dos cales tiñan apelidos coincidentes coa xa serodia noiva.n

Contenido patrocinado

stats