Opinión

Elas ou eles, que falen!

Despois de escoitar a unha das ministras do goberno de España, aquela señora, amiga das linguas e comprometida coa ensinanza das románicas, botou as mans á cabeza, sustentouna con dificultade e apagou a televisión, coa intención de non volver acendela ata que pasara un tempo. Despois na radio do coche escoitou a outra ministra do mesmo Goberno, que aínda falaba peor e que era máis impetuosa que a compañeira primeira. Decontado, ao chegar ao despacho da Universidade onde traballaba, escribiu unha carta para o presidente do Goberno, para aconsellarlle un curso básico de lingua, lectura e escritura para aqueles membros do equipo que el considerara que tiñan capacidade e interese para aprender.

Non foi nada! Os contidos do programa parecéronlle ao propio presidente de baixo nivel, ademais as ministras non entenderán que veña unha catedrática da Universidade a ensinarlles vocabulario, “para iso -di, toda oufana, a portavoz do Goberno- apoiamos e incentivamos o acceso ao dicionario, a través de internet”. Aí seguimos, cada louco co seu tema. Boas tarde e ata mañá!.

Hai quen apela á linguaxe inclusiva como garante da liberdade e da igualdade, pero hai outras persoas, coa mesma ou superior formación, que non o entenden así, que lles gusta o emprego da lingua para a comunicación, para o diálogo e a comprensión, en calquera dos ámbitos nos que se move. Hai pais e nais, avós e avoas, fillas e fillos, parentes, irmáns e compañeiros da escola, da rúa e dos andares. Hai mestras, monxas e cregos, médicas e médicos, carpinteiras e xastres que fan traballos encomiables, como os pescadores pescan e as municipais da cidade interrompen o tráfico para que as condutoras e condutores circulen pola paralela, libremente pola vía que lles mandan.

Non importa o xénero. O avó Manolo, o Manolo de sempre, ten todo o dereito a ser, cando queira, a avoa Manola. Vaiche boa, Carballeira! Non se entende nada. Alí estaban os rapaces e as rapazas xogando, coma sempre, e -ao carón- os pais, nais, paies e naies discutindo sobre a relevancia da utilización correcta da linguaxe, das estupideces que, ás veces, practican esas minorías da xente da política e da lamentable deformación que se estende, pasando de atril a atril, polos lares da terra nosa.

Díxoo moi ben a Tía Manuela, “era mellor que gobernaran e, despois, se tiñan algo que dicir elas ou eles, que falen e que non calen nada!”.

Te puede interesar