APOCALIPSE

Publicado: 14 dic 2011 - 08:40 Actualizado: 11 feb 2014 - 00:00

Pese ao que se ven dicindo, parece que o mundo non vai acabar o 21 de decembro do 2012. Cando menos, esa foi a conclusión á que chegaron expertos de distintos países reunidos a semana pasada no estado mexicano de Chiapas. Eu, pola conta que me ten, son dos que lles dou crédito total ás explicacións dos expertos xa que, caso contrario, sería tanto como admitir que tan só me queda un ano de vida.

Mais, ¿que é o que se ven dicindo? Pois que, chegado o día fatídico, o centro da Terra, o centro do Sol e o centro da Galaxia quedarán os tres matematicamente aliñados. Será entón cando, por leis que rexe a Natureza, se producirá unha inversión magnética a consecuencia da cal o Sol proxectará sobre a Terra unha radiación de tal intensidade que en cuestión de segundos non quedará o menor rastro de vida no noso planeta. Anuncio funesto asumido por todas aquelas persoas con fe cega nas profecías dos mayas. Máxime, como ocorre neste caso, se o cataclismo ven precedido de desastres cada vez máis devastadores: terremotos, maremotos, ciclóns, inundacións, secas, incendios, guerras, pestes. Que só rematarán coa destrución total do mundo, tal e como recolle a profecía.

Pola súa parte, estiman os expertos que esta falsa alarma deberíase a un erro na lectura dos xeroglíficos que figuran inscritos en pedra no así chamado Sexto Monumento Tortuguero, onde se fai referencia expresa a 'fin de ciclo' (seguindo o calendario maya), e non a 'fin do mundo' como algúns interpretan. Explicacións que, vindo de quen veñen, a maioría da xente considera de fiar. 'De buena nos libramos', repetía fóra de si un home dando abrazos a todos os que tiña cerca. Pero claro, en réplica, tamén hai persoas que sosteñen que quen están equivocados son os expertos, 'unos ignorantes que no tienen ni idea'.

E nestas estamos. Total, que cando chegue o 21 de decembro do 2012, haberá quen celebre, feliz, a continuidade da vida. En tanto outros, desconsolados, entrarán en depresión ó non ver cumpridos uns prognósticos nos que tanto confiaran. Mais, un desconsolo do que pronto os sacarán eses lagarteiros que viven do rendible negocio das apocalipses mayas: 'No desesperéis, aunque sea con algo de retraso, la profecía se cumplirá'.

Contenido patrocinado

stats