MURAR

Publicado: 14 sep 2011 - 09:50 Actualizado: 11 feb 2014 - 00:00

Tempos, aqueles, nos que os gatos para sobrevivir tiñan que murar. Case non había outra saída. Si, estaba tamén o da caza de paxaros ou o de raspiñar, nun descoido, algo de comida dos pratos. Pero a caza de paxaros estaba reservado, tan so, a gatos extremadamente expertos. En tanto, os asaltos á pratos non deixaban de entrañar riscos moi graves xa que, no caso de ser sorprendidos, a malleira era segura, e, de dar con malos amos, de funestas consecuencias. Recordo agora, con arrepío, a maneira de proceder daquel veciño cando sorprendía a un dos seus gatos (sempre tiña varios) facendo a allada. Armado de machada e con algo de comida, saía o patio co animal. Colocaba o gato nun tronco, púñalle a comida o seu alcance, e cando aquel se dispuña a botarlle a boca, baixaba a machada con tal violencia que a cabeza do gato saía voando varios metros, mesmo que tivese alas.

Hoxe os gatos xa non muran, que todo lle ven dado. Xa non só viandas de abondo, que diso teñen a fartar dende hai varios anos. Agora o que se impón é o da alimentación individualizada, adaptada ás carencias e achaques de cada un deles. ¿Que o animal necesita un reforzo de vitamina A? Non hai problema. Subministraranlle unha alimentación rica en vitamina A. ¿E se ten carencia de vitamina B? Pois daranlle vitamina B. E o mesmo se procederá coas vitaminas de todas as demais letras. ¿E se está baixo en ferro, ou en sodio, en potasio, en zinc, en calcio ....? Pois incluiráselle no seu menú sulfato de ferro, sulfato de cobre, sulfato de zinc, sulfato de manganeso, iodato de calcio. Tamén concentrados de proteínas, carbohidratos e lípidos, en caso necesario. E sobre todo, moita Omega 6, xa que como a Omega 6 vale para todo, nunca estará demais. En última instancia o que se persigue cunha dieta equilibrada e adaptada as necesidades de cada gato é algo moi parecido ó que, fóra a alma, se está a facer coa alimentación das persoas: Activar a súa dixestión, facilitar o tránsito intestinal, baixar as graxas e ácidos insáns, evitar a xeración de gases, control dos seus ouriños, manter unha estrutura ósea forte, musculatura fibrosa, pel lustrosa e sans os dentes.

Poderá dicírseme que non todos os gatos gozan de tanta vantaxe, véndose obrigados, moitos deles, a revolver no lixo. Claro, claro. Pero o malo é que hai persoas que, non polo seu gusto, lles está a pasar igual.

Contenido patrocinado

stats