Opinión

VACUIDADE

Con motivo da recente presentación do seu libro 'Refranero de uso argentino', don Pedro Luis Barcia, ex director da Academia Argentina de Letras, manifestou que, segundo ven recollendo nos seus estudos, los muchachos argentinos de hoy casi no usan refranes. Pois, por se lle pode levar algún consolo a don Pedro, mesmo parece que, por aquí, nin os muchachos nin a xente maior. Abundando pola contra, no seu lugar, a frase feita, o slogan, o dito gracioso e a parida (parida, na acepción que se recolle no 'Diccionario de la Lengua Española': sandez, despropósito, simpleza). Unhas expresións que, por outra banda, non levan nada daquela carga didáctica, e ata filosófica, que encerraban os vellos refráns. Nos sete anos de colaboración con este xornal, en máis dunha ocasión me levo ocupado destas novas maneiras de dicir, con exemplos que vou recollendo en campañas electorais e dalgunhas emisoras de radio e televisión. Exemplos (metáforas groseiras) dos que, deseguido, ofrezo unha breve mostra


Lo cogieron con el carrito de los helados. (Unha copia ñoña, con pretensións graciosas, daquel contundente 'Collérono nas patacas').


Otro tonto contemporáneo. (Ao final, todos parvos. Menos os que profiren a sentencia).


En España ya no cabe un tonto más. (Moi relacionada coa anterior. Tan só eles listos).


Y lo tenemos que lograr, sí o sí. (Formulación absurda. Para iso, xa tiñamos una frase moito máis apropiada, por bruta que fose, 'Póñanse como se poñan, isto vámolo conseguir a c.').


Tenemos que remar todos en la misma dirección. (¡Ollo! Perigosísimo, cando é dirección que nos leva ó abismo)


Es una especie de mantra. (Mantra, un vocábulo que se ten empregado en sentidos radicalmente opostos)


Tiene la cabeza muy bien amueblada. (Ou sexa, nun lado, sofá estilo inglés; noutro, diván psicoanalítico; noutro, mesa de carballo).


Queopineelembajador. (Queopineelembajaque? Non sei o qué quere dicir. Pero é cantilena que veño oíndo a miúdo nunha emisora de radio).


Ese individuo es un cabeza cuadrada. (Vaia! Alguén viu home ou muller coa cabeza cadrada?)


Con la que está cayendo? (Perversión da linguaxe, ao darlle un sentido negativo a algo que mesmo pode vir como 'auga de maio').

Te puede interesar