La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Non sei se a palabra "obscenidade" virá como din uns do latín "ob caenum", expoñer a inmundicia fóra, ou como din outros, da forma "ob scenus", saírse da escena, do teatro da vida, do correcto. O que si sei é que o seu antónimo, a palabra "decoro", ten que ver cun latino "decor", beleza, encanto, graza, do que tamén vén decorar e decoración. O decoro decora, e a obscenidade, lixa.
En calquera caso estou preocupado porque comportamentos obscenos, nada decorosos, na sociedade actual deixen de ser noticia. Despois falareilles dun. Despois.
A min gústame a sociedade occidental. A capitalista, máis concretamente. Con virtudes públicas e privadas (non me gusta a expresión "valores", que logo todo ten un "valor" e se compra e se vende, mellor virtudes). O noso, dicía Churchill, é o peor sistema de goberno excluídos todos os demais. Por iso me atraen na historia as democracias como a inglesa, que sostiveron a ollada limpa e a mente clara mentres enterraban, co corazón roto, os caídos nas guerras mundiais. Por iso aborrezo o capitalismo entolecido, ultraideoloxizado. Da Alemaña ou Italia daquela época. Ou tamén, o desaforado de hoxe en Rusia, China e non sei se o de aquí. Porque o capitalismo pode desvariar e pensar que hai algo máis importante que a xente. Ou que é máis importante o beneficio que a natureza. Se así se comporta, se sacraliza o valor do beneficio ilimitado, da banca rapineira, da construtora hipertrofiada, do aproveitado sen límites e con xustificación dogmática, se se perde de vista que o obxectivo de calquera sistema social debe ser a felicidade humana maioritaria, entón a cousa vai mal.
Ou sexa, creo que é unha obscenidade que Messi cobre 23 millóns de euros limpos ao ano, aínda que produza máis ao seu club, e creo obsceno un sistema que potencia iso. E non sei se será aínda peor que ninguén se achegue ao tema desde a crítica como síntoma da perversidade do sistema actual. Para min, que queren que lles diga, paréceme isto vinte e tres mil veces máis grave que tratar de enchufar nun traballiño modesto a un tipo que non sabe valerse ben por si mesmo. Paréceme ben máis humano, máis comprensible que darlle medio millón de euros á semana a un mociño por enredar cunha pelota.
Hai un grave problema de promoción de modelos. De espellos para os mozos. Messi –a quen eu non distingo de seu pai, por certo- parece, ou faise, coitado e comedido. O outro, o Ronaldo, semella máis atrasado na liña evolutiva do sapiens. O seu comportamento o outro día, sen camiseta e urrando, resultan só comprensible nun neno de 14 anos, expulsado do colexio por tirarlle unha silla ao profesor á cabeza e que nunca máis volveu á escola. Aínda que axudara á familia a saír da súa marxinalidade, como bo fillo e bo irmán, é un túrzaro.
En fin. Todo o que rodea o fútbol é unha obscenidade invasiva e asumida socialmente sen contestación ningunha. E preocúpame. Outrora os anticlericais pensaban que a Igrexa influía de máis na xente; agora, a vangarda, os antisistema de verdade, somos os ateos do fútbol-relixión, os que queimariamos sorrindo posters dos deuses do balón, os que nunca entramos nos seus templos-estadios nin seguimos as súas misas-partido pola televisión. Inda que nolas queiran meter polos ollos na rúa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Lo último