Manuel Baltar
Orgullo na embaixada galega
Tiña que ser na Casa de Galicia, esa noble edificación que destaca na rúa de Casado del Alisal, ese excepcional pintor de Villada cuxa obra “El juramento de las Cortes de Cádiz en 1810” preside o hemiciclo do Congreso dos Deputados. A “embaixada” de Galicia en Madrid servíu unha vez máis para a difusión, neste caso, da nosa cultura coa presentación de “Alén da frol do tempo”, pura poesía (1988-2020) do prolífico Abel Veiga.
Prologada polo presidente Rueda, que pechou tamén o acto, estamos ante unha nova demostración do “renacentista” Abel Benito Veiga Copo, e entenderán o título desta columna pola súa condición de nado en Esgos (Ourense). Decano da Facultade de Dereito da Universidade Pontificia de Comillas (Icade) pode definirse como un apaixoado vocacional da docencia e da investigación. Máis de seis mil artigos de opinión e cento cincuenta libros publicados falan alto e claro do seu interese polo público e tamén que a palabra o pode todo.
Sinxelamente, a súa intervención nesa tardiña, completada pola da súa dona e dos seus fillos, foi emocionalmente moi impactante para quen esto escribe e para os que ateigaban o salón de actos da sede institucional da Xunta na capital do Estado. Un discurso de intensa raigame con Galicia e un auténtico catálogo de valores, onde a familia ocupa, sen dúbida, a primeira posición. Un tratado de humildade e de pertenza a un territorio que é unha peza perfecta de reivindicación do noso, do máis fondo da nosa ialma como galegos. Dixo que el era o sono que seus pais non se atreveran a soñar e que seguía sendo fiel aos seus, aos seus mortos. Para quen quixera escoitar sentenciou sobre a importancia fulcral da lingua galega, coa que “aprendeu a sentir, antes que aprender a razoar”. Deixou verdades tan grandes como que “escribir en galego é a única maneira de ser preciso co sentimento”. E fixo unha chamada á importancia da memoria afirmando que o esquecemento non pode gañar a batalla da distancia.
Como “padriño” da presentación da obra, despois das iniciais verbas de benvida do director da Casa -o xornalista Luís E. Ramos-, actuou Luís Alberto de Cuenca, premio nacional de poesía, case nada. Cun prodixio de intervención fixo un achegamento á personalidade e traxectoria de Abel para tentar conectar , grazas á súa singular retórica, coa dimensión do autor. Abofé que o conseguiú. Un exercicio de clase que estivo á altura da poesía de Veiga e do especial momento que estabamos a vivir.
E se orgullo me deu o fondo da poesía e da obra de Veiga, non quedou atrás a súa forma. Palabras maiores. Todo aquelo que sae do prelo coa etiqueta de Teófilo Comunicación é un artigo de gama alta. Neste caso con apariencia de misal, coroando a excelencia do seu contido, un obxecto de culto. Porque, como lle escoitei a Paco López Barxas días despois na avenida de Bos Aires da nosa Auria blancoamoriana, falando precisamente do seu “Ramón Otero Pedrayo, arredor de sí”, tamén editado por José Luís Teófilo, estamos ante “o Franco María Ricci galego”. Eu diría tamén español. O nivel do seu traballo, das súas presentacións, sobre todo editoriais pero tamén no que ten que ver coa organización de eventos, é insuperable, coidando ata o máis mínimo detalle para que a perfección defina os seus “produtos” e os seus “momentos”. Pensando sempre en todo, José Luís, gran melómano, acertou tamén neste evento, coa música en directo do cincuentenario grupo A Roda. E é que no proprio Senado de España certificamos o exceso traballo de Teófilo cando atopamos luxosas obras como a das Constitucións españolas. Percorrer a web da súa “empresa”, galega como poucas, convértenos en espectadores dunha aposta polo noso que non ten parangón editorial e onde esa forza innata que herdou das peixeiras de Vileixoán, esas mulleres de ferro, danos azos a todos e, sobre todo, orgullo. Parabéns e beizón.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último