RAREZA DE SCHRADER

Publicado: 14 dic 2013 - 08:40 Actualizado: 11 feb 2014 - 00:01

A película que o director Paul Schrader dirixiu en 1999, 'Forever Mine', é unha auténtica rareza, como non podía ser menos vindo de quen vén. Aí é nada formular un filme de factura comercial, construído arredor dun argumento semi policiaco, semi melodramático, que roza o disparate máis absoluto, e dotalo dunha determinada estilización que é como unha marca de fábrica do autor de 'Aflición'. Excelentemente fotografada por John Bailey, 'Forever Mine' ten unha primeira metade iluminada con cores vivas que lle dá paso a unha segunda parte ascética e, en ocasións, tenebrosa, a ton con esta historia imposible de amores rotos e vinganzas postergadas. O resultado é moi curioso e, sen ningunha dúbida, reúne un completo catálogo das típicas obsesións de Schrader, incluídas as relixiosas. Por desgraza, o conxunto non acaba de funcionar: como película comercial resulta, a cachos, pouco convencional e demasiado 'culta', pero en contrapartida tampouco é o suficientemente estraña como para ser un título de culto minoritario, situándose nunha atractiva, insólita pero tamén insatisfactoria terra de ninguén.

O filme 'Nunca máis' (2002), de Michael Apted, podería contemplarse como unha versión trash (algo así coma unha versión barata) de 'Durmindo co seu inimigo', e agárrase ó candente tema da violencia doméstica. Cal é emporiso a proposta esgrimida? Que toda muller mallada aplique a lei do Talión e que corra o sangue. Dito e feito, Jennifer Lopez transfórmase nun cruce entre Rocky e Rambo, entre Bruce Lee e Robocop, e responde ás agresións do seu home retornándolle os golpes recibidos. En fin. A capacidade de denuncia do produto, levantado sobre o pesadelo da protagonista, que presuntamente casada co cónxuxe ideal axiña descobre que este en realidade é unha besta parda, é certamente irrelevante, lastrada ou sabotada pola débil construción do libreto de Nicholas Kazan (fillo de Elia Kazan), feito de situacións ridículas e infestado de malos diálogos. Ademais, o personaxe da Lopez non hai quen o crea, atrofiada no apostolado dramático e murcha no fragor guerreiro.

Contenido patrocinado

stats