Opinión

Escrito en sombras

Aquello a lo que nos enfrentamos cuando hacemos poesía es el error, -escribiu Anne Carson e continuou-. Pero, como saben muy bien, el objeto primero de la filología/es reducir todo placer textual/a un accidente de la historia...”. Esta é unha das citas que Luz Pichel emprega ao inicio do seu libro Tra(n)shumancias, publicado pola editorial eme no 2015. Non lin este libro ata agora. Decidín facerme cun exemplar ao ver a foto dun poema do poemario no instagram do Chan da Pólvora. Non me arrepinto en absoluto de telo feito. Tra(n)shumancias pareceume un libro interesante. De principio a fin. Potente en contido e forma. A man da autora explora ese pracer textual que calquera análise filolóxica rompería no seu afán de practicar a entomoloxía literaria. Percíbese entón o desfrute de Pichel na procura da imperfección ao escribir os poemas. 

En galego, ou castelán, pracer, gozo e desfrute son tan similares que resulta difícil estabelecer a distinción que Roland Barthes si fixo en francés entre dous conceptos chave -o plaisir du texte e a jouissance du texte- que lle permitían diferenciar, para que nos entendamos, un texto “canónico” doutro que non o é. Na opinión de Barthes a escrita “canónica” pode agradar moito, na medida en que se fai “confortable” para a persoa que le, porque se acomoda á cultura oficial. No entanto, existen outros textos distintos, que xorden da “jouissance” -non do “plaisir”- de quen escribe. Son estes últimos liberadores, rompen coa cultura oficial, cuestionan os espazos de produción e recepción culturais habituais, amosan as fendas do sistema de crenzas e poñen enriba da mesa a cuestión da linguaxe e a nosa relación con ela. Creo que Tra(n)shumancias é un libro escrito dende esa “jouissance du texte”, así é que xoga coa linguaxe sen temor. Poderemos atopar nel poemas escritos integramente en castelán; outros feitos en galego; moitos máis híbridos, que navegan en diferentes idiomas -latín incluído-, con trazos da fala, da oralidade, e mesmo con palabras que non existen. Delicioso. Absolutamente. 

Síntome en total conexión con este xeito de escribir de Luz Pichel. Paréceme brillante. Eis algúns versos para ir facendo boca: todo iso por el día/ y a la noche lingüistas petapoco/se estupendan con vino y pónenese/ a dicir/decir/hacer /con aquel puntitito de seghuranza/ que una lingua medra como medra un toxo/ y otra lingua medra como medra un nardus/ trébore cuadrifolia que te cruzas... Recomendoume alguén hai tempo ler a Manuel Vilanova, porque, na opinión dese alguén, tiña moito en común con el. Non concordo con iso, malia gustarme o que escribiu. Como non mencionou a Luz Pichel, pregúntome agora, despois de ler este libro?; será porque os homes sempre pensan en homes ou estarei sendo suspicaz en exceso?; hai un exceso para a suspicacia nun ámbito tan do gusto masculinista como é o da literatura? I’ll think of tomorrow, como diría Escarlata. Case mellor centrarse en Luz Pichel, no seu talento indiscutíbel, e expresar abertamente que Tra(n)shumancias é un libro excepcional.

Te puede interesar