Opinión

As Bestas

Rodrigo Sorogoyen está entre os cineastas españois de referencia que debutaron na gran pantalla na última década. Despois dun importante recorrido internacional e o premio do público en Donostia, chegou hai dúas semanas ás pantallas o seu último filme: As Bestas. Título galego, para unha película que trae inspiración nos tráxicos acontecementos do moi coñecido – sobre todo en Galicia - crime de Santoalla. O asasinato do holandés Martin Verfondern na aldea preto de onde Chano Piñeiro rodou Sempre Xonxa (1989), xa foi levado ao cine por Becker e Mehnrer. Santoalla, producido pola valdeorresa Cristina de la Torre, é un magnífico exemplo de cine documental, e estreouse na gala de abertura do OUFF 2016, e pódese atopar en Amazon Prime.

As Bestas de Sorogoyen é unha ficción. Ten diferenzas con respecto á historia real. Non pretende documentar a obxectividade dos feitos, pero intenta captar esa mesma esencia primordial, a tensión dun conflito entre os veciños sen posibilidade de saída. Faino ambientando a súa historia nun rural moi pouco idílico. “Santoalla era o salvaxe oeste”, declarou o fiscal Miguel Ruiz no día do xuízo do crime. E, aínda que se rodou no Bierzo, o rural de As bestas é unha Garizona que parece chegar desde un spaghetti western. Non é o territorio das películas de John Ford no que o pobo, xunto co ferrocarril, representaban a civilización, un fogar seguro das ameazas dos indios. É máis ben a aldea pantasma do western de Corbucci, onde a simple chegada do forasteiro na taberna evidenciaba conflitos e tensións. Sorogoyen – beneficiándose da máis que consolidada colaboración con Isabel Peña – consegue manexar con bastante sabedoría eses elementos prestados doutros xéneros, xunto co thriller e, por suposto, o drama. O cineasta vai despregando un relato magnético, controlando habilmente os tempos. Atrapa ó espectador desde os primeiros fotogramas, onde aparece unha rapa das bestas – a única secuencia rodada en territorio galego. No asasinato de Antoine, Sorogoyen utiliza a mesma gramática visual desta secuencia, dando ao espectador unha pista clara sobre quen son as bestas do título...

Mesmo As bestas é un filme que podería dividirse en dous, é como dúas películas. No momento da desaparición de Antoine, cando o filme se converte nun drama existencial, descubrimos a outra protagonista: Olga, a súa muller. E só podería valer a entrada do cine por dúas secuencias: a conversa dos irmáns co francés na taberna diante unha botella de viño, e outra entre Olga e a súa filla. Dous momentos excelsos por guion e interpretación, gravados en plano secuencia.

En xeral, todos os actores que se moven nesta Galicia caníbal son máis que sobresaíntes, en especial a parella francesa interpretada por Mariana Fois e Denis Ménochet, ademais dos irmás veciños Luis Zahera e Diego Anido.

O conflito que é base do filme, ademais de inspirarse en feitos reais, ten un certo parecido co pequeno e magnífico debut do boloñés Giorgio Diritti, Il vento fa il suo giro. No 2005, Diritti chegou a gravar un filme nun valle do Piamonte – en lingua occitana - sobre unha parella francesa na procura dun idilio montañés. Un puñado de veciños deste territorio despoboado italo-occitano acababa violentamente coa aventura. No seu día foi un éxito de público, un logro do cine independente e tamén xerou polémicas.

Algún debate que se está a mover en Galicia sobre o último filme de Sorogoyen – incluso promovendo o boicot - tristemente estase a converter case nunha metáfora, nun reflexo real da tensión que se expresa nesas dúas películas. Algunha vez esquécese que os grandes filmes, quizais a maioría deles, non están feitos por compracer a todo o mundo, por non ofender a ninguén. Os mellores son os que incomodan, que non son conciliadores. Como críticos, cinéfilos ou espectadores ocasionais, nunca deberiamos deixar escapar a oportunidade de pasar por esa experiencia reveladora.

Te puede interesar