Os Solá Armas e a mina dos mil millóns

crónicas de agora e sempre

Aínda que a camada foi abondosa -eran sete irmáns-, os protagonistas foron Jesús, Luís e Vicente, que venderon unha mina de ouro en Chile por mil millóns de pesos. Outra cousa é o pai, Vicente Solá, que pide páxina propia para outra ocasión

Publicado: 24 mar 2025 - 00:16

O “España”, no que viaxou José Santiago e anos despois Alfonso XIII ó exilio.
O “España”, no que viaxou José Santiago e anos despois Alfonso XIII ó exilio. | La Región

A historia singular destes tres irmáns nacidos en Verín salta ós xornais galegos do momento cunha forza inusitada, non tanto polo espazo que lle foi dedicado nas súas páxinas, canto pola espectacularidade dos titulares impresos provocados pola impresionante cantidade de diñeiro anunciada, o que os levou a presentar a nova cun tratamento prudente e contido, non fora ser que o anuncio realizado acabase sendo un “bulo”, que xa daquela eran tamén frecuentes.

O caso é que nos derradeiros días de xullo de 1913, tanto este xornal coma varios colegas do panorama informativo galego, baixo titulares tan sensacionalistas como “Una fortuna enorme”, “Orensanos millonarios”, “Archimillonarios orensanos. Se confirma la noticia. Una mina que vale 1.000 millones” ou “Mil millones para Verín” -coma se lle acabara de tocar a lotería á vila-, deron conta de que estes tres irmáns acababan de vender en Chile “una mina de oro” pola escandalosa cantidade de mil millóns de pesos.

Gravado da baía de San Vicente na que os Irmáns Solá Armas instalaron a súa pioneira fábrica conserveira.
Gravado da baía de San Vicente na que os Irmáns Solá Armas instalaron a súa pioneira fábrica conserveira. | La Región

Pero, quen eran estes tres afortunados emigrantes que ata ese momento non tiñan mantido presenza habitual naquelas novas de sociedade das que adoitaban facérense eco con relativa frecuencia tódolos xornais cando calquera “acaudalado propietario” procedente dalgún país do outro lado do océano, se achegaba por Ourense para pasar uns días coa familia.

Imos ver...

A primeira resposta a esta pregunta ofrécenola este mesmo xornal o 26 de xullo de 1913, coa indicación preventiva de “sólo a título de información recogemos aquí el rumor que anteayer circuló por Orense”, indicando, de seguido, que “el representante de Luis Espada en Verín, señor Solá, habría recibido un cablegrama de dos hijos suyos que están en Chile, participándole haber vendido por una cantidad de millones tan estupenda que ni a consignarla nos atrevemos, unas minas de oro que por lo visto se descubrieron en unos terrenos que habían comprado”.

Superadas as primeiras incertezas, nos días seguintes, tanto o xornal verinés “Nuevo Támega” como este mesmo, anuncian con satisfacción que “la noticia se ha confirmado”, logo de terlle chegado a seu pai un “cablegrama” que lacónica, pero felizmente lle daba conta de que “poseemos mina de oro valuada mil millones. Felicidades. Jesús, Luis, Vicente”.

Pois ben, os tres -xunto con outros dous homes falecidos e dúas mulleres- eran fillos do matrimonio formado polo polémico político conservador da comarca de Monterrei e alcalde de Verín en varias ocasións, Vicente Solá Rogido e a veciña de Castrelo do Val, María Armas. Tres irmáns que, xunto con Fidel -morto en 1899- había anos que emigraran para Chile e centraran a súa actividade económica, non tanto no campo da minería, senón no sector conserveiro, na localidade mariñeira de Talcahuano, a carón da baía de San Vicente, na provincia de Bio-Bio, a medio milleiro de quilómetros da capital chilena.

Desta circunstancia dá conta o xornalista vasco Joseba Etxarri nun libro sobre a emigración eskalduna en Chile, no cal, entre os seus coterráneos -descoñezo se pensando que eran vascos tamén- destaca que “otra empresa familiar ‘Solá Hnos.’ se dedicaba en Talcahuano a la fabricación de conservas de sardinas, atún y otras variedades de pescado en aceite y salazón” e completando que “la misma compañía era propietaria en Lampa, departamento de Santiago, de la mina de cobre “Compañía minera de Chimauca”.

O encontro casual dun capelán da Armada cos irmáns dun compañeiro de seminario

O que aconteceu coa sociedade “Solá Hermanos” e cos propios irmáns a partir destas primeiras e espectaculares novas de alcance sobre a operación mil millonaria, xa sería fariña doutro costal, aínda que, como adoita acontecer con frecuencia, tanta chuvia de ceros sobre as súas cabezas acabou mudando moitas cousas, sobre todo na relación familiar, de tal forma que, pasado un tempo, Jesús, o máis vello dos tres, decide volver para Verín -é de supoñer que coa súa cota parte no peto-, chegando a instalarse no centro da vila, concretamente na rúa Blanco Rajoy, cunha reloxería na que vendía reloxos de parede “Longines” e de pulseira das marcas máis prestixiosas do momento, ademais dunhas “máquinas parlantes” marca “Toledo” cos seus correspondentes discos.

O “España”, no que viaxou José Santiago e anos despois Alfonso XIII ó exilio.
O “España”, no que viaxou José Santiago e anos despois Alfonso XIII ó exilio. | La Región

Pola súa banda, Luís e Vicente continuaron na baía de San Vicente á fronte da conserveira, pasando momentos non exentos de dificultades, tales coma no ano 1926, cando teñen que facerlle fronte xurídica á cancelación da matrícula de pesca das súas embarcacións e incluso á denuncia duns inspectores de pesca “por haber envasado con el nombre de salmón, peces ordinarios”, o que os levou ós irmáns a presentar denuncia contra os devanditos inspectores, por calumnia.

Tan só uns anos denantes, concretamente a comezos de febreiro de 1921, a distancia case sideral que mantiñan con Verín, achicóuselles dun xeito tan feliz como caprichoso, cando na fábrica recibiron a visita dunha expedición do buque España que levaba meses cubrindo unha travesía marítima pola costa pacífica -chegando a cruzar o estreito de Magallanes-, co infante Fernando de Baviera como tripulante de excepción e no que viaxaba como capelán da Armada, o crego José Santiago que se convertería en cronista da viaxe ó publicar case un cento de cartas en “La Región”, nas que foi relatando con detalle extremo os pormenores de tan longa travesía.

O crego José Santiago que se convertería en cronista da viaxe ó publicar case un cento de cartas en “La Región”, nas que foi relatando con detalle extremo os pormenores de tan longa travesía

“En San Vicente tiene usted -informouno o contador de a bordo- a unos simpáticos orensanos que honran, con su buen nombre e importante industria, a Galicia y a España, y a San Vicente nos fuimos con ánimo de saludar a tan distinguidos orensanos, hermanos de un estudioso condiscípulo mío, el finado Fidel Solá Armas”.

Contenido patrocinado

stats