Tocando as bolas

Publicado: 22 ago 2009 - 02:00 Actualizado: 11 feb 2014 - 00:00

Pois estando nunha ferretería este verán -buscando os destornilladores imposibles de que lles falei o outro día- toquei, repetidamente, as bolas. Estaban alí, por riba do mostrador xunto cunha mensaxe unívoca: ‘Lavar sin detergente para lavadora’. O tacto, as cores, o ruxe-ruxe ao axitalas, todo me lembraba a un xoguete deses de ‘activar’ a mente dos bebés. Así que, para lelos con calma, apañei tres folletos: ‘ecoducha’ e la ‘revolución del lavado’ para lavadora e lavavaixelas, porque algo vira xa na revista de internet ‘El esceptico digital’, que sempre lles recomendo encarecidamente.

Despois de lelos e subliñalos lembreime dun charlatán que ía aos xoves pola feira de Celanova e que era posuídor de tal mestría que lograba ripar algo da pensión dos paisanos que o escoitaban co reclamo dun ‘lápis calculadora para os seus netos’, e certamente o que lles daba eran os restos dun lote daqueles lapis que levaban a táboa de multiplicar impresa.

Eu teño que recoñecer unha sedución innata polos charlatáns de feira. Cómprolles sempre ventosas percha, limpacristais magnéticos, afiacoitelos... plenamente cons ciente de que as ventosas acabarán soltándose, que non vou usar os imáns por medo a que caian á rúa e lle abran a cabeza ao pacífico viandante, que seguirei afiando coitelo contra coitelo en caso de que non corte o suficente, que sempre é de máis, ou contra a pedra. En fin, cómprolles o que vendan cun sentimento difuso de estar facendo unha boa obra dalgunha maneira relacionada co mecenado ou subvención persoal a un oficio en trance de desaparición pero baseado en algo tan interesante como o dominio dos recursos da palabra. Os charlatáns de feira, fóra do mundo político, están en trance de desaparición.

¿Debe o Estado permitir o charlatanerismo industrializado e a publicidade enganosa como o sinalado das bolas tocadas? Non podería afirmar tallantemente que non. ¿E logo non hai moito disto nas solucións máxicas -gastar máis cando se ten menos para facerse máis rico- que hai nalgunhas prácticas políticas? Hai un texto humorístico de Vicente Risco no que sinala que os médicos curaban con palabras científicas e que o paciente, embobado, tendía a sanar. E algo deste intento de abafe de palabrería inconexa aparece nos tres estrambóticos folletos de redacción moi semellante, aínda que se trate de lavar roupa, corpos de cristiáns ou pratos de comer.

‘Biocerámica natural’ -nin Robocop se atreveu a tanto-, ‘zeolitas para intercambio iónico’ -soa a algo de relixión antiga-, ‘tensionantes aniónicos’ -parece da familia do antitrankimazín-, ‘policarboxilatos’ -nada que ver co Poly, supoño- e sobre todo o inescrutable e polisémico ‘etc.’ como compoñente último.

Despois de dicir ameazadoramente que ‘la radiación infrarroja de larga distancia y los iones negativos producidos por las cerámicas contenidas en la ‘bola’ transforman los agregados moleculares del agua...’, acaba recomendando, sensatamente, botar un 30% de deterxente no lavavaixelas e lavar a máis de setenta graos -alá vai toda a graxa derretida- ou ‘si se desea, puede añadir un 20% de lejía, detergente o suavizante’ na roupa da casa.

Ok. Si señor. Sobra xabón e deterxentes. Máis san é ducharse en só auga, desde logo. Na lavadora, creo que sería máis barato -trátase de aforrar mantendo o mesmo efecto- meter un ‘coio’. Proben. Fai algo de ruído, pero tamén destupe as orellas.

Contenido patrocinado

stats