Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
Cultura local
TÍA MANUELA
Pensaba que era o dono do lugar, do pobo e do mundo. Moitos dos seus non lle facían caso. Outros seguíano como se fose un Deus, como se fose o verdadeiro amo e con poderes sobrenaturais para acordar, decidir, discrepar e cambiar de opinión e de slogan como cambia o tempo. Como se nada pasara, igual que se ninguén escoitara. A Elpidio, home ignorante, fantoche e fanfarrón, os veciños queríanlle mal e a maioría deles desprezábano por todo e, sobre todo, pola súa actitude de matón.
Calzaba zapatos con polainas de coiro, tiña licencia de caza e colgaba a escopeta detrás da porta da entrada. Era o orgulloso marido de Elvirita, a ama da casa, a filla dun señorito daqueles que foran a menos, pero que mantiñan a vaidade, aínda que xa perdera a querenza da veciñanza. Era un veciño aproveitado da miseria daqueles tempos e, ao final, tamén morreu.
Os camiños que ían a calquera das leiras do lugar eran del, da súa dona e dos seus fillos, igual que tódolos carreiros por onde subía o gando para a serra. Todo era del ou deles. Os pastos e as árbores das extremas eran del, as augas dos camiños, cando chovía, eran para regar as súas hortas; a escola do pobo tamén era del e del quería que fose a mestra.
A tranquilidade volveu ao lugar, ás casas, ás familias, ás tabernas e aos traballos colectivos
Como todo era del, na taberna non pagaba. Tampouco pagaba na feira, fose moito ou pouco o que mercara. Na misa estaba sempre na primeira fila, rezaba en voz alta e cantaba cando o cura cantaba. Axeonllábase e levantábase cando procedía, comulgaba e marchaba. A onde iría? Ninguén lle cría nada, pero ao velo iluminado polas mentiras que contaba, a xente do lugar tíñalle medo.
Ao decatarse que o medo non é un bo acompañante, os homes e mulleres do lugar acordaron aconsellarlle parar e, daquela, o mesmo medo apoderouse do maligno valente. Foi un acto en silencio, sen arrogancias e sen berros. A tranquilidade volveu ao lugar, ás casas, ás familias, ás tabernas e aos traballos colectivos. Elpidio non volveu á igrexa e os seus, os da súa casa, para protexelo dos raios solares, sentárono nun escano colocado na galería traseira, naquela de cristais escuros.
Agora, estará na memoria de toda a xente do lugar, que deixará constancia de que a Tía Manuela ten razón, cando asevera que “en tódolos tempos hai algún home tolo de remate”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
Cultura local
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Tolo de remate
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
El lado correcto de la Hisotoria
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
La Catedral de Santiago
Lo último