Opinión

Benvidos a Vietnam

De 1968 a 2011 morreron máis persoas dentro dos Estados Unidos por arma de fogo que soldados americanos en combate. A cifra é de Politicfacts, pero todas as fontes ofrecen baremos semellantes. Segundo a investigación deste portal de referencia político morreron a tiros dentro de Estados Unidos neste período 1,4 millóns de persoas mentres que caeron 1,2 soldados en conflito, e ollo que estamos a falar de vítimas de parte da guerra de Vietnam, as dúas do Golfo e Afganistán xuntas.

O mércores cúmprense 4 anos do masacre de Sandy Hook onde foron asasinados 20 cativos e 6 adultos. Un rapaz de 20 anos entrou na colexio e abriu fogo contra todos, profesores e nenos. Previamente matara á nai e tras arrasar a gardería, suicidouse. Sandy Hook está en Conneticut, non lonxe de Nova York. Non estamos a falar dun Estado do centro ou do sur onde coller a arma para saír a rúa é un xesto tan habitual como coller a carteira.

Este ano en Estados Unidos van xa 14.000 persoas mortas por arma de fogo contra as case 10.000 que faleceron en 2015. O problema vai a máis e a peor. Dicía fai pouco Obama nunha entrevista que un dos seus maiores pesares era non poder ter regulado da forma que quixera o control de armas. Nin co Congreso e Senado demócratas foi quen de pasar esa lei, como non foi quen de facelo ningún presidente antes. Farto de dar discursos tras masacres, en abril deste ano Obama optou pola Acción Executiva, unha prerrogativa presidencial que pode levarse a cabo sen o acordo de Congreso e Senado. Obama aprobou cinco puntos de mínimos…de mínimo sentido común, cabería engadir. O primeiro que o vendedor ten que ter licencia e controlar os antecedentes do comprador. Isto que pode parecer obvio non era así, e por internet e nas feiras de armas a barra libre era -e en boa medida segue a ser- escandalosa. O segundo, que os Estados deben facilitar información sobre persoas con enfermidades mentais ou acusados de violencia doméstica para que non poidan ter acceso ás armas. Terceiro, máis persoal para investigar no FBI. Cuarto, 500  millóns de dólares para mellorar os coidados a enfermos mentais; e quinto, que os Departamentos de Defensa, Xustiza e Seguridade Nacional actuen de forma máis coordenada. Resumindo, unha pinga nun vaso de auga.

O asasino de Sandy Hook  -non vou dar seu nome- tiña no seu poder unha pistola SIG Sauer 9mm, outra pistola Glock 10mm e un rifle semiautomático de asalto AR-15. Todas eran legais, e todas eran armas de súa nai, gran aficionada ao xénero que foi asasinada polo seu fillo con elas. Ademais levaba un chaleco antibalas, uniforme militar de camuflaxe e cartuchos de reserva para enfrontarse a un exército…e atacou unha gardería. Esta semana a fundación Sandy Hook Promise lanzou un vídeo que non tardará en converterse en viral. Non culpabiliza ao tirador, fai fincapé na prevención, en detectar os síntomas nunha persoa que o poden levar a acabar desta forma. Este rapaz non era o que se chama agora un “lobo solitario”. Non estaba movido nin polo ISIS ou por crenzas relixiosas, este rapaz era un enfermo sen diagnosticar cun acceso máis sinxelo a un rifle de asalto que a unha caixa de galletas.

O vídeo chamase Evan e mostra unha historia normal dun instituto americano: rapaz coñece a rapaza, e todo é moi bonito ata que no último intre aparece o tirador no ximnasio do colexio. Nese instante párase o vídeo e di: “Mentres estabas mirando para Evan outro estudante estaba ensinando os plans do masacre”. Aí volve empezar o vídeo onde no segundo plano, agora destacado, aparece un rapaz solitario, acosado no colexio, vendo vídeos de armas, subindo as redes sociais fotos súas disparando…os sinais estaban aí pero ninguén lles prestou atención. 
Este nova campaña é un movemento intelixente nos Estados Unidos porque é o único enfoque que lles queda, a prevención.  As armas, e máis agora baixo a presidencia de Trump, seguirán a ser un gran negocio e da igual as vidas que custen. En Estados Unidos Vietnam está na casa do amable veciño de enfronte,  ese que ten cara de boa persoa, ese que nunca lle fixo mal a ninguén…ese que acaba de matar a 20 nenos.

Te puede interesar