Opinión

Non da para aforrar, Sr. Rajoy

Mariano Rajoy ven de lle recomendar á cidadanía que aproveite o bó estado da economía para “aforrar” pensando nas necesidades familiares futuras de pensións e educación.

 A mensaxe é ben desaquelada. O noso sistema de pensións é público e fornécese con cotizacións sociais de empresas e traballadores. Os impostos financian o sistema público de educación e as bolsas para os estudos universitarios. Coa súa chamada ao aforro para pensións e educación privada Rajoy manifesta a vontade política do PP de desmontar ou polo menos reducir a cobertura pública das pensións e da educación, piares fundamentais do estado do benestar.

 Os problemas do sistema público de pensións teñen máis que ver coa grave deterioración do mercado de traballo. Cun PIB estatal equivalente ao do 2008 os números da ocupación e, sobre todo, das remuneracións salariais e cotizacións sociais son substancialmente máis baixos. Dúas xeracións que cotizaron abondosamente na súa vida laboral verán dramáticamente reducida a súa pensión por mor do desemprego e subemprego da Grande Recesión. Éste é o principal problema das pensións no curto prazo e non a sostibilidade do sistema a longo prazo, sempre completábel vía impostos. Por outra banda, os sistemas privados de pensións amosáronse moito menos rendíbeis e seguros,en xeral, ca os públicos

 Mais as verbas de Rajoy amosan que vive unha realidade paralela. Cos níveis actuais de desemprego e, sobre todo, de traballadores pobres, cos millóns de fogares onde entran ingresos inferiores ao salario mínimo (735,90 euros/mes) á maioría social nin lle da para aforrar porque non lle dá para chegar á fin de mes. As melloras macroeconómicas e nos níveis de ocupación non chegaron á cidadanía porque a distribución da renda mudou substancialmente. Velaí porque o Estado español é o segundo máis desigual da Unión Europea.

 Sen contar que a chamada ao aforro desincentiva o consumo interno, que é o que mobiliza os mercados locais e garante a supervivencia da meirande parte das pemes galegas, españolas e europeas.

 Eis outra mostra da empatía de Mariano Rajoy, que non quere discutir de igualdade salarial entre homes e mulleres e non comprende porque a rúa pontevedresa do almirante franquista- sospeitoso de crimes de guerra- González Moreno, mudou a Rosalía de Castro.

Te puede interesar