Zocas, alpargatas e Vicente Risco

cronicas do pasado

Publicado: 12 jul 2025 - 04:40

Paisaxes orixinais das zocas e alpargatas.
Paisaxes orixinais das zocas e alpargatas.

Entre 1939 e 1951 Vicente Risco escribiu textos moi variados que recopilou no “Libro de las Horas”. Na introdución di: “he dado al público mis convicciones y mis obsesiones, mis gustos y mis sueños, mis verdades y mis dudas, mis dilecciones y mis caprichos”. Este prólogo sobre Risco ven a conto porque o fin de semana recuperei unhas alpargatas que había tempo que non usaba. Cando as calzaba veume á memoria un dos escritos do libro, titulado “La excelencia de las chancas”.

Noutro nivel de lectura, podemos deducir que refire dúas Españas diferentes, respectivamente a atlántica e a mediterránea, a húmida e a seca, a verde e a amarela

Por que rememorei as zocas calzando unha alpargatas? Pois porque o autor dicía que “Galicia pertenece a la zona peninsular del calzado de madera, que comprende la chanca gallega y la almadreña cántabro-astur. Más allá confina con la abarca pirenaica, a la que sigue la alpargata levantina”, todas no seu parecer cun enorme beneficio sobre a goma, material que comezaba a impoñerse no calzado naqueles tempos, competindo e case substituíndo ás solucións tradicionais, algunhas moi antigas, como demostran as investigacións arqueolóxicas. Nos niveis neolíticos de Cueva de los Murciélagos, xacemento radicado no municipio cordobés de Zuheros, descubriuse unha abundante industria de esparto, es especial cestos de varios tipos e tamén sandalias des esparto, alpargatas. As datacións de 6086 ± 45 BP e 5900 ± 38 BP evidencian o uso deste tipo de calzado tradicional na órbita mediterránea dende momentos moi antigos, cando menos dende o Neolítico. Para as zocas non contamos polo momento con achados tan precoces, se ben ou seu uso é tradicional en numerosos territorios europeos.

Volvendo sobre o texto de Risco, como ven, case ordena as poboacións en dúas formas ben diferentes, organizadas en función da forma en que pisan sobre o terreo: a madeira e o esparto. Noutro nivel de lectura, podemos deducir que refire dúas Españas diferentes, respectivamente a atlántica e a mediterránea, a húmida e a seca, a verde e a amarela. Non en van, as zocas son características Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e León, estendéndose polas zonas montañosas Castilla, Aragón e Cataluña. Para don Vicente -así o denominabamos na fundación que leva o seu nome- a goma que se popularizaba como sola substituíndo a madeira, estorbaba o contacto coa Terra mesma. A goma, dicía. “....puede defendernos un poco de la lluvia… pero en cambio no deja pasar las radiaciones telúricas”, para soporte vital da vida e, en consecuencia do ser humano. Risco foi estudoso da, digamos, alma colectiva dende as variadas disciplinas que nutren o coñecemento. Facíao principalmente a través da etnoloxía e da historia, para con elas acceder aos significados das accións nas diversas culturas. Quizais por iso transcende calquera asunto a tratar, relacionando a “parte” co “todo”. Incluso aquelas accións que a primeira vista puideran parecer vanamente cotiáns, como o simple feito de calzarse, acto que tamén entende no texto que hoxe citamos como un rasgo cultural, capaz de identificar grupos tamén culturais.

A madeira e o esparto, son -foron- dúas formas tradicionais de pousarnos sobre o territorio que, á súa vez, condicionou o uso de ambos materiais dispoñibles nos ecosistemas, sobre todo pola cuestión do exceso/defecto de auga nos entornos que se debían transitar a diario. Claro está, todo iso antes da globalización que posibilita distribuír zocas a calquera lugar e acceder a alpargatas de esparto como as que agora levo calzadas.

Contenido patrocinado

stats