LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo, el 79432

Ourense recibe un pulo para consolidar a sanidade, servizos sociais e vivenda

SANIDADE PÚBLICA

Os Orzamentos da Xunta para 2026 aumentan o seu investimento por habitante para contribuír ao reequilibrio territorial

Publicado: 07 nov 2025 - 05:45 Actualizado: 07 nov 2025 - 21:55

As obras no CHUO reciben unha partida de 35,6 millóns de euros.
As obras no CHUO reciben unha partida de 35,6 millóns de euros. | La Región

A sanidade, os servizos sociais e a construción de vivenda pública son os tres piares fundamentais da estratexia do Goberno galego para Ourense nos Orzamentos de 2026. A Xunta destinará un investimento total de 1.733 millóns de euros á provincia, o que se traduce en 5.699 euros por habitante, consolidando o seu compromiso co reequilibrio territorial.

Reforzo do CHUO

Esta consolidación das contas públicas tradúcese en manter o esforzo inversor para cuestións estruturais da provincia, como son as obras no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO), con 35,6 millóns de euros, o que permitirá avanzar nas que xa se están executando, co obxectivo de que a finais de 2026 finalice o novo edificio de hospitalización de 12 plantas, actualmente en execución.

Os orzamentos para o vindeiro ano manteñen o esforzo inversor para cuestións estruturais da provincia, como o chuo ou a vivenda pública

Cómpre destacar tamén a cantidade destinada para a humanización de espazos hospitalarios, para o que se reservan 600.000 euros. E, dentro do orzamento para o avance das obras en execución do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, destaca o Centro integral de saúde de Ourense, cunha achega de 1,03 millóns de euros.

Bonos de apoio

En materia de política social, a Xunta incrementará nun 41% o investimento en bonos de dependencia na cidade, ata os 13 millóns de euros. E investirá máis dun millón de euros para continuar coa mellora dos centros de menores de Montealegre e A Carballeira.

Así mesmo, o vindeiro ano porase en funcionamento a nova residencia de maiores impulsada pola Fundación Amancio Ortega. Un centro que suporá a creación de 120 novas prazas e 110 postos de traballo directos.

En relación aos máis pequenos, en Galicia, manterase por cuarto ano consecutivo a gratuidade nas escolas infantís. Unha medida da que se beneficiarán preto de 1.300 nenos da capital das Burgas. Para elo, destinarase un investimento de 2,5 millóns de euros.

O Goberno galego continuará tamén favorecendo a conciliación a través do Bono Concilia Familia, que chegou a máis de 400 fogares na cidade.

Educación e innovación

Os Orzamentos de 2026 van permitir seguir mellorando o sistema educativo galego, cunha aposta pola maior modernización do ensino, con mellores rateos, máis medidas de apoio ás familias, máis profesores a pesares da baixada do alumnado, máis atención ao alumnado con necesidades especiais, máis coidado do rural e mellor condicións para o profesorado.

Unha das principais medidas será o novo bono de comedores escolares para familias que usan comedores de anpas, concellos e centros concertados. Estas medidas de apoio únense ás que xa había nos comedores da propia Xunta. E, no eido da ciencia, cunha achega total de 9,6 millóns de euros, impulsarase o Plan galego de I+D+i, con máis investigación e innovación e apoio ao talento que se fai desde as universidades, os centros tecnolóxicos e as empresas, así como o reforzo de áreas estratéxicas como a biotecnoloxía, a IA cuántica e tecnoloxías verdes.

Unha partida de 2 millóns de euros para a construción do novo Edificio administrativo para a Delegación da Xunta de Galicia en Ourense

Máis polo miúdo, para a acreditación de excelencia do Campus Auga destinaranse 3,3 millóns de euros e para a construción da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo, 6,3 millóns. Por outra banda, continuarase coas obras do futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), cuxo investimento total, cómpre recordar, é de 6,2 millóns de euros.

Infraestruturas

Para a construción de vivendas de promoción pública destinaranse 6,75 millóns de euros; 2 millóns para o desenvolvemento de solo para vivenda protexida e 1,38 millóns para o Programa Rexurbe, entre outras iniciativas como as axudas para accesibilidade (1,2 millóns de euros) e o Ronda leste (1,5 millóns). No que vai de Lexislatura, a Xunta puxo en marcha xa máis de 2.900 vivendas, que se atopan en distintas fases de execución. 64 destas están en Ourense, onde se desenvolverá solo para máis de 1.600 vivendas.

Ademais de investir 1,2 millóns de euros para a Praza de Abastos Nº1 de Ourense, levarase a cabo a renovación da oficinas de emprego do barrio ourensán da Ponte, poranse en marcha axudas para os autónomos e destinaranse preto de 366.000 euros ao CIPF Santa María de Europa -integrado na rede pública de centros e entidades de formación para o emprego-.

Nos Orzamentos de 2026 destaca tamén unha partida de 2 millóns de euros para a construción do novo Edificio administrativo para a Delegación da Xunta de Galicia en Ourense, co obxectivo de seguir mellorando a atención aos cidadáns ourensáns por parte da Administración autonómica.

A provincia de Ourense é unha das provincias con maior gasto per cápita en 2026

En materia de infraestruturas destaca tamén a intermodal de Ourense, que contará con 170.000 euros para a integración da estación de autobuses, ao tempo que se destinarán 210.000 euros para executar actuacións de mellora da accesibilidade e conectividade en paradas de autobús na rede autonómica de estradas.

Neste sentido, o Executivo autonómico reforzará ademais a estratexia de mobilidade fomentando que cada vez máis concellos e usuarios accedan ao transporte público. Así, dos case 130.000 galegos coa tarxeta Xente Nova, en Ourense rexistráronse preto de 3.500 usuarios activos que sumaron nos oito primeiros meses do ano case 92.000 viaxes, cunha bonificación total superior a 300.000 euros. No mesmo período houbo 3.800 ourensáns usuarios activos da tarifa +65 que fixeron máis de 54.000 viaxes superando os 152.000 euros de bonificacións. Para avanzar nesta materias, incrementarase a partida para a tarifa +65 froito do crecemento da demanda neste último ano.

Visita ás obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia.
Visita ás obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia.

Continuando no apartado de obras, en materia de cultura, a Xunta destinará 2,8 millóns de euros a actuacións de restauración na catedral de Ourense ata o ano 2027, e o Bono Emancípate, dotado con 3 millóns de euros, terá impacto na mocidade de Ourense, como as axudas a festivais e rodaxes ou a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Ao mesmo tempo e, en colaboración co Concello, está prevista a construción dun parque canino para a cidade de Ourense, unha infraestrutura que terá un impacto moi positivo en toda a poboación con animais de compañía.

Pecha este apartado o investimento de 140.000 euros para dar a coñecer as producións agroalimentarias dos produtores artesáns adheridos a este distintivo de calidade nos Mercados de Artesanía Alimentaria.

Reequilibrio territorial

Dentro deste reforzo investidor e co obxectivo de contribuír ao reequilibrio territorial, a provincia de Ourense é unha das provincias con maior gasto per cápita en 2026, con 5.699 euros por habitantes, 488 euros máis que en 2025, sumando un investimento total na provincia que ascende a 1.733 millóns de euros.

No resto do mapa provincial, ademais do esforzo inversor para as obras no CHUO, destinaranse 700.000 euros para unha actuación de mellora das instalacións no Hospital de Verín; e adquiriranse mamógrafos para os hospitais comarcais de Valdeorras e Verín, para os que se dotan 326.700 euros para cada un deles.

2,8 millóns de euros para a rehabilitación de vivendas do programa Rexurbe en Ribadavia

Neste mesmo apartado, dentro do avance das obras en execución do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria salientan o Centro integral de saúde de Ourense (1,03 millóns), o Centro de Saúde da Rúa (2,1 millóns) e os créditos para as obras dos centros de saúde de Muíños (0,9 millóns) e Boborás (1,8 millóns). Ao igual que nas outras áreas, prevese crédito para o inicio de actuacións doutros novos centros cando se dispoña dos terreos e se completen as modificacións urbanísticas e as cesións ao Sergas. É o caso do Centro integral de saúde do Carballiño -pendente da adaptación do terreo a usos sanitarios e para o que se prevé unha partida de 600.000 euros- ou Montederramo (con 600.000 euros).

Apoio ás familias da provincia

En materia de política social, a Xunta incrementa nun 41% o investimento en bonos de dependencia na provincia, ata sumar 48,5 millóns de euros, ao tempo que incrementará un 33% o investimento no programa Xantar na Casa na provincia. Ademais, arredor de 3.300 nenos da provincia de Ourense beneficiaranse da gratuidade das escolas infantís, cun investimento total na provincia de 7,2 millóns de euros, mentres que 4.000 familias de toda a provincia se beneficiarán do Bono Concilia e do Plan Corresponsables.

No eido educativo, destaca tamén un investimento de 14,2 millóns para o IES de Pereiro de Aguiar e o CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey; así como para o CEIP Calvo Sotelo e o IES Manuel Chamoso Lamas, no Carballiño.

Ourense contará cun total de 1,1 millóns de euros para a mellora da accesibilidade e mobilidade sostible en paradas de autobús e aparcadoiros

Por outra banda, cómpre salientar tamén un investimento de 2,8 millóns de euros para a rehabilitación de vivendas do programa Rexurbe en Ribadavia. En materia de infraestruturas, a provincia contará cunha achega total de 6,9 millóns de euros para o plan de viabilidade invernal, outra de 4 millóns para a mellora da rede viaria e 5 millóns para o reforzo do firme.

Ademais dun investimento na provincia de 145.000 euros para 15 aulas CeMIT en 15 concellos, destinaranse 4,5 millóns de euros para a ampliación do Parque Tecnolóxico San Cibrao das Viñas, case 600.000 euros para a creación do polígono Carballiño-Maside e 1,6 millóns para o Parque tecnolóxico Tecnópole.

Emprego e mobilidade

Así mesmo, para impulsar os polos de emprendemento, investiranse preto de 500.000 euros nos 4 polos activos na provincia -O Carballiño, Verín, Molgas e O Barco-, ademais de desenvolver novas medidas de apoio aos emprendedores vencelladas a esta rede. Entre esas medidas, renovaranse as oficinas de emprego como a do Carballiño e destinarase preto de 430.000 euros á rede pública de centros e entidades de formación para o emprego nesta provincia, como o CFP Valverde.

No que atinxe aos transportes, a provincia de Ourense contará cun total de 1,1 millóns de euros para a mellora da accesibilidade e mobilidade sostible en paradas de autobús e aparcadoiros. Destinaranse máis de 3,6 millóns na provincia coa fin de manter e potenciar a capacidade de actuación ante as emerxencias.

En materia de augas e mellora das infraestruturas hidráulicas de abastecemento e saneamento destacan a posta a punto da EDAR de San Cristovo de Cea (1,1 millóns)

Salienta no apartado de infraestruturas o remate do parque acuático do complexo lúdico-deportivo de Monterrei coa execución do río lento e 1,9 millóns de euros de investimento. E seguirase a reforzar a estratexia de mobilidade fomentando que cada vez máis concellos e usuarios accedan ao transporte público coa tarxeta Xente Nova -da que se benefician na provincia máis de 9.300 mozos- e a tarifa +65.

En materia de augas e mellora das infraestruturas hidráulicas de abastecemento e saneamento destacan a posta a punto da EDAR de San Cristovo de Cea (1,1 millóns); novas actuacións de abastecemento e saneamento en Ribadavia (0,9 millóns); melloras do abastecemento en Leiro (1 millón); melloras do abastecemento en Cenlle (0,5 milllóns); e melloras do abastecemento en Castrelo de Miño (0,5 millóns).

Contenido patrocinado

stats