COLABORACIÓN CLAVE
Apoyo provincial para reforzar la Ribeira Sacra
ENOTURISMO
Cando se pensa en Galicia como destino turístico hai varias claves que destacar. O Camiño de Santiago supuxo -e supón- un impulsor esencial para a entrada de visitantes, en busca da combinación de experiencia espiritual, de patrimonio, tradicións e natureza que ofrecen as vías xacobeas. Precisamente a natureza constitúe outro dos eixos que atrae a xente a Galicia, en busca das súas praias, ríos e montañas, de contornas case non modificadas pola man humana nas que perderse.
Apoiando un e outra atópase a gastronomía: a reputación da comida galega traspasou as súas fronteiras hai xa tempo e supón un atractivo máis, tanto para quen vén por outros motivos como para quen fixa a súa viaxe co compoñente gastronómico como motivo principal. Dentro deste último aspecto está a despuntar nos últimos tempos un compoñente esencial da terra, que está a reclamar unha atención especial: o enoturismo.
A popularidade dos viños galegos está a experimentar un momento de crecemento, a través do recoñecemento aos caldos das cinco denominacións de orixe que engloba Galicia: Rías Baixas, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras. Malia este momento actual, a tradición vinícola da terra remóntase moi atrás no tempo, con testemuñas da produción de viño de hai máis de 2.000 anos, durante a presenza romana no territorio. Cada unha das denominacións de orixe ten unha tradición particular, na que se mesturan viticultura heroica e convencional, covas e pazos.
Como resultado, o turismo enolóxico en Galicia concrétase nun modelo moi vinculado ao slow tourism, ofrecendo unha experiencia na que a cata de viños se combina co goce da natureza na que se localizan as adegas, do patrimonio que moitas veces abrangue, da gastronomía coa que marida. Tamén con outras ofertas complementarias, como o termalismo. Todo isto fai que o enoturismo se consolide como unha das propostas de maior valor engadido do destino Galicia.
Segundo o Informe do Turismo Gastronómico en España 2023, este tipo de visitantes gasta un 30% máis que o xeneralista, sumando as visitas a adegas e mercados gastronómicos, o consumo en distintos tipos de establecementos, a compra de produtos locais ou a participación en eventos gastronómicos. Como referencia, o Observatorio Turístico Rutas del Vino de España situaba en 2023 o gasto medio por persoa e día nos 201,08 euros para quen fixera itinerarios deste tipo, fronte aos 79,09 euros/día de media do turista nacional. Isto xustifica en parte, a aposta económica por este modelo, pero hai moitas máis motivacións, como a contribución a un turismo desestacionalizado, que poña en valor territorios máis aló dos habituais puntos vacacionais en Galicia.
Desde Turismo de Galicia estase a fomentar este modelo con distintas medidas, como as axudas a proxectos de enogastronomía, concedidas a 56 proxectos por un total de 5,5 millóns de euros para a mellora de establecementos deste tipo ou para a dixitalización. Esta liña de subvencións englóbase no Plan de Sustentabilidade Enogastronomía de Galicia, deseñado no horizonte de 2025 e dotado con 34,5 millóns de euros. Ademais das tres accións de cohesión en destino -dentro das que entrarían as axudas-, o Plan establece 11 Plans de Sostibilidade Turística en Destino -PSTD- nun total de 80 concellos galegos.
A nivel de produtos, Turismo de Galicia contribuíu significativamente co desenvolvemento de iniciativas como a Primavera de Portas Abertas, un amplo calendario de visitas a adegas, catas e outras actividades durante o mes de maio polas cinco Rutas do Viño vinculadas ás denominacións de orixe. A guía Paseando entre viñedos propón percorridos de distinta duración mediante os que gozar de distintas experiencias enogastroturísticas.
A provincia de Ourense é única en viños. Catro das cinco denominacións de orixe galegas localízanse, total ou parcialmente, nela: O Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Un dos PSTD do Plan de Enogastronomía pon o foco directamente na cultura vitivinícola nesta última zona, o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria. Iniciativas como o festival Entre Covas ou a BTT Ruta do Viño Valdeorras, que contan co apoio de Turismo de Galicia, amplían a experiencia enolóxica con outras actividades. Un punto de partida óptimo a través do que traballar para posicionar a provincia de Ourense como destino de referencia en enoturismo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
COLABORACIÓN CLAVE
Apoyo provincial para reforzar la Ribeira Sacra
"FORO DE REFLEXIÓN"
El título de Patrimonio de la Humanidad a la Ribeira Sacra, prioridades del 2026
TURISMO RESPONSABLE
Ribeira Sacra se incorpora a la Asociación de Ecoturismo
Lo último
La Región
Amor y desamor
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este lunes, 12 de enero
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 12 de enero