CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Joaquín Gaite, o bisavó da costureira
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A entrevista que Pedro Sánchez lle concedeu á revista Lecturas e a referencia dunha foto de Carmen Martín Gaite nun dos “posados” do presidente no Ateneo de Madrid, fíxome ver que era momento de incorporar a este mosaico a aquel que puxo a semente para que, co tempo, a autora de “Retahílas” aprendese a crecer fundida coa natureza e as xentes de San Lourenzo de Piñor e coñecese, da man de súa nai, os segredos que garda a costura ata acabar aplicándollelos á literatura cando se fixo escritora.
Poderiamos encadrar a Joaquín Gaite Núñez nese interminable ronsel de non ourensáns que acabaron namorados de Ourense e non so asentaron o seu devir na provincia, senón que sementaron suficiente vida como para que agromase unha fértil torgueira que deu médicos e avogados, profesores e catedráticos, incluso algún meteorólogo e, no cumio da árbore xenealóxica, á devandita escritora da xeración dos cincuenta, Carmen Martín Gaite.
Se damos por bos os datos reproducidos por El Heraldo Gallego na necrolóxica de 1880, foi, Joaquín Gaite, un turolense nacido en 1820 no municipio de Albarracín, fillo do oficial de rendas Timoteo e Josefa -ambos coruñeses-, que se licenciou en Medicina no ano 1846, pero que, sen afastarse nunca desa condición científica, derivou a actividade profesional principal cara a docencia, impartindo aulas de Xeografía e Historia durante tres anos, xa como catedrático, nos institutos de Cuenca e León, para recalar finalmente na cidade de Ourense o 1 de xaneiro de 1859, momento a partir do cal “vino consagrándose -di El Heraldo- con incansable asiduidad y notorio celo a la enseñanza de las mencionadas asignaturas”.
Con toda esta bagaxe intelectual, non é de estrañar que a súa figura se convertese nun referente dentro da elite ourensá
Disque foron en total vinte e tres anos os que lle dedicou, non só á docencia en xeral, senón dun xeito especial ó instituto ourensán, no que exerceu de secretario, vicedirector e director, tempo durante o cal foi promovida a construción do actual edificio.
Neses primeiros anos proba a exercer o xornalismo e cofunda e dirixe El Orensano, que non terá moita duración, pero que lle axudará a tomar idea da idiosincrasia e do vivir cotiá da provincia á que acabará ligado polo elo dos amores coa ourensá Sofía Lloves García, coa que casa e coa que ten dous fillos e unha filla, chamados Antonio, Javier e María.
Por máis que estivese asentado, os devezos por saber e o espírito renacentista que o envolveu, non se permitiu deixar os estudos e mentres xestionaba o campo familiar e profesional ourensán procurou sempre horas libres para dedicarllas ó estudo, conseguindo en 1872 o grado de doutor en Medicina, matriculándose logo na carreira de Ciencias para facerse coa licenciatura en 1878.
Previamente, en 1866, xa fora nomeado membro numerario da Real Academia da Historia.
Pois ben, con toda esta bagaxe intelectual, non é de estrañar que a súa figura se convertese nun referente dentro da elite ourensá cunha presenza permanente en todo aquilo que tivese algunha transcendencia para a cidade, o que non lle restou azos para deixar unha obra escrita non demasiado abondosa, pero si interesante e variada nas distintas pólas do saber.
Tan pronto chegou a Ourense púxose a traballar no programa docente para impartir Xeografía, que continuou logo cun “Compendio de Historia Universal e de España” e outras obras xa publicadas antes de asentarse en na capital ourensá, coma un “Discurso sobre la influencia de las causas físicas en el carácter de los pueblos” ou un “Método contra el cólera”, ademais de estudos sobre “El cultivo de la vid” e, xa máis adiante, unha serie de “Noticias históricas de la catedral de Ourense”, obra esta que non foi rematada porque o 2 de abril de 1880, faleceu.
“Tan numeroso era el séquito mortuorio -di El Heraldo- que bien podríamos decir que todo el pueblo orensano acudió a rendir el último tributo al digno e ilustrado profesor, al virtuoso conciudadano y al honrado padre de familia”.
Dos tres fillos de Joaquín, Antonio chegou a catedrático de Física do Instituto General e Técnico, mentres que Francisco Javier, tamén catedrático de Xeografía e Historia en diversos institutos do mapa nacional e casado coa tamén ourensá Sofía Veloso Losada coa que promoveu a construción da casa de Piñor, procrearon outros tres fillos, o médico Vicente, o avogado Joaquín e María, tamén chamada Marieta e casada co notario salmantino José Martín López, que foi a nai da novelista Carmen Martín Gaite.
Dada a súa condición de personaxe poliédrico no saber, foron moitos e diversos os campos nos que actuou
Pero volvamos á figura do bisavó Joaquín, xa que logo, sobre a autora son moitos os estudos levados a cabo por grandes especialistas, entre os que destaca o filólogo ourensán David Couso, quen nos últimos anos ten levado a cabo un importante labor de divulgación da escritora e da súa relación con Piñor na compaña do Concello de Barbadás e doutras entidades veciñais coas que teñen deseñado un paseo literario por lugares evocados ou suxeridos na obra literaria de Martín Gaite.
Como xa foi sinalado, dada a súa condición de personaxe poliédrico no saber, foron moitos e diversos os campos nos que actuou.
Traemos a colación dous exemplos radicalmente dispares que asemella non seren protagonizados pola mesma persoa.
O primeiro tivo lugar en xuño de 1876 tralo nacemento e morte dun neno chamado Francisco, do lugar de Quins, nacido cunha rara malformación que levou ó gobernador civil a convocar a un equipo de facultativos para que estudasen o insólito caso, entre os que formaba parte Joaquín Gaite. Segundo relato de El Heraldo Gallego, unido ó neno Francisco “aparece otro niño invertido, en la región pubiana, desapareciendo en esta sus órganos genitales y aun los glúteos”. O corpo dos siameses foi entregado ó farmacéutico Pablo Huertes quen o introduciu nun recipiente con formol para garantir a súa conservación.
O segundo episodio pasou á historia da literatura galega porque, xunto con outros destacados intelectuais ourensáns, formou parte do xurado do famoso certame literario que convocou o filántropo Modesto Fernández e do que resultou gañador o celanovés Curros Enríquez cos non menos coñecidos poemas “O gueiteiro de Penalta”, “A virxe do Cristal” e “Unha boda en Einibó” e polos que recibiu a nada desprezable cifra de dous mil reais.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Joaquín Gaite, o bisavó da costureira
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 23 de noviembre
TENSIÓN ALTA Y TAQUICARDIA
Raphael cancela su concierto en A Coruña tras sufrir una indisposición: "No podía subirme al escenario así"
Lo último