Un suicida “prêt-á-poter” en Ribadavia
Aconteceu na invernía de 1889 na capital do Ribeiro. A prensa local, sen embargo, non se fixo eco. Un transeúnte, un cuarto nunha pensión e unha pistola foron obxecto, escenario e protagonista dun suicidio soterrado no silencio mudo do cemiterio civil. O pasado día dez a comunidade sanitaria, os colectivos de afectados e unha parte da sociedade sensibilizada pola evolución deste vello mal que provoca milleiros de mortes ó cabo do ano, deume pé para exhumar -nunca mellor dito- do arquivo destas crónicas unha historia singular que descoñezo se os ribadavienses conservan na memoria local e que tivo lugar no mes de febreiro de 1889, da que foi protagonista un comerciante francés que chegou á vila e alugou un cuarto nun hostal co único obxectivo de se suicidar.
Por máis que procurei, non atopei referencias, nin na prensa local -polo menos na que se conserva na hemeroteca dixital Galiciana-, nin noutras cabeceiras provinciais que estaban na rúa naquel momento, o que contrasta, sen embargo, con que o luctuoso episodio si foi recollido -e con bastante detalle, por certo- por un xornal coma “La Monarquía” de Ferrol, ou polo progresista e libre-pensador madrileño “Las dominicales del libre pensamiento”, tal como pasamos a ver.
Vaia por diante que, como acontece tantas veces en lugares de tránsito, á capital do Ribeiro tocoulle ser escenario pasivo do acto final acordado por un tal Eugenio Meillet, nacido na localidade ocitana de Tarbes, a tan só 24 quilómetros de Lourdes, profesor de francés en Ponferrada e, no momento da autoagresión, comercial de tecidos “prêt-à-porter” dunha casa comercial parisina chamada “Saint Joseph”, que o tiña feito viaxar por moitas cidades españolas tan devotas e admiradoras da sempre pioneira moda francesa.
O día 15 de febreiro do citado ano o xornal ferrolano insertou na portada unha información que titulou, “Correo de Galicia. Unha novela” e que a xeito de relato daba conta do seguinte xeito:
“El dependiente del almacén parisiense Saint Joseph, Mr....., a su ida a Madrid recibió el encargo de acompañar a la señorita Miss....., pues le había sido concedida una plaza en la sección de confecciones de la prestigiosa marca”.
Recibido o encargo, o teoricamente anónimo viaxante recolleu á moza -a quen tampouco identifican na información- ganando a confianza de seus pais cunha carta de presentación dos responsables dos almacéns parisinos, que lla entregaron en Madrid.
Sen embargo, unha vez xuntos partiron no tren, aínda que mudando radicalmente o traxecto, acordando “un viaje de recreo por España”, que tivo destino final en Galicia, e máis concretamente na cidade de Ourense.
Loxicamente, tanto o pai da suposta inocente moza, como un dos responsables da casa de moda parisina acabaron seguíndolle os pés, pois comezaron a sospeitar o que finamente se desvelou na cidade das Burgas, é dicir, que o que alumeou entre ambos foi unha súbita historia de amor.
O que non sabía a xove e, polo visto fermosa, rapariga, era que o galán que lle tiña prometido amores e unha vida de luxo e viaxes, estaba casado e mantiña activo o matrimonio na cidade da moda.
Ó chegar a Ourense, os perseguidores non tardaron en saber do paradoiro, e mentres por unha parte o pai da moza quixo ter con el algo máis ca palabras polo engano do que fora obxecto e pola vida marital que logrou facer por distintas cidades de España denantes de que deran con eles, o máis contundente foi o seu xefe que non só o recriminou con dureza, senón que o apremiou a cumprir “tal y como debía cumplir si es que era un hombre de honor”.
E para completar o escenario, tamén foi informado de que a súa esposa “entablaba demanda criminal ente los tribunales franceses contra el descarriado marido”.
Aínda que o xornal non responde a preguntas que lle darían algo de luz ós porqués dalgunhas decisións aparentemente ilóxicas tomadas polo viaxante, o caso é que, descuberto, sen traballo, sen ningunha outra relación e sen diñeiro, é moi posible que lle puidera a situación que o levou a tomar a decisión que acabó tomando.
Así que optou por coller o tren en Ourense e tomar o destino aleatorio de Ribadavia, a onde chegou, procurou un cuarto nunha fonda da vila e despois -é de supoñer- dun tempo de debate interno e contradicións, termou dun revólver e apuntou para a sen, tal como describe “Las dominicales del pensamiento libre” do día seguinte:
“Hallábase de paso en esta hermosa villa gallega un francés dedicado al comercio en calidad de representante de la casa San José de París. Llamábase M. Eugène Meillet y era natural de Tarbes. Una pasión amorosa contrariada y la esquesez de recursos en un país que le era desconocido, sumiendo en la desesperación su alma, lo condujeron al suicidio”.
A súa morte foi tomada como exemplo sobre a necesidade de dotar ás vilas de cemiterios civís
O artigo do xornal masónico “Las dominicales del libre pensamiento” non leva firma, pero quen o escribiu tralo soterramento do transeúnte francés, non só estaba ben informado sobre o tráxico episodio, senón que tamén era bo coñecedor -e extremadamente crítico- do acontecer cotiá da capitalidade do Ribeiro respecto do poder omnímodo que a igrexa exercía sobre a sociedade local.
“Hace tiempo, y en el estilo cáustico que las aberraciones católicas merecen, revelamos los horrores de superstición y fanatismo a que, impulsado por el clero avaro e ignorante, se entregaba en sus solemnidades religiosas el pueblo de Ribadavia. Aquellos infelices, locos y epilécticos que presentábamos en la denigrante posición del bruto que se apoya en sus cuatro patas para ser objeto de exorcismos y conjuros de parte de un clero estúpido, nos hacía dudar de si Ribadavia estaba en España, o si por arte de encantamiento, erea transportada en las fiestas de su patrón católico a las resecadas llanuras del África meridional que habitan los bacuenas”.
Fronte a esta tan denostada situación, o redactor toma en consideración o acontecido despois do óbito do comerciante para contrastar que por fortuna tamén convive en Ribadavia unha sociedade “libre e ilustrada” que se manifestou no acto fúnebre do anónimo suicidado.
“¿Que hubiera sido del cadáver de este desventurado si, por fortuna, en Ribadavia, la semilla bendita del libre pensamiento no hubiera germinado al amparo de nuestros buenos y queridos amigos de la localidad?” -di o redactor-, dando por suposto que de ser así, o seu corpo “hubiera sido arrojado por el clero fanático e intransigente a la cuneta de una carretera o a un pudrigorio, como si fuera el de un perro”.
Pero, segundo continúa o relato, “en Ribadavia existe un núcleo de fervientes libre-pensadores” que decidiron costear o enterro civil do suicida “y acompañar los restos al cementerio civil donde yacen tres que murieron fuera de la religión católica”, subliñando que “acudieron a él las más significadas personas de Ribadavia” e destacando sobre todo “a nuestro distinguido amigo don Cesáreo Rivera”, cuxo monumento masónico constitúe hoxe un dos poucos vestixios do que foi o cemiterio civil ribadaviense, actualmente integrado no conxunto mortuorio da capitalidade do Ribeiro”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar