Aconteceu na invernía de 1889 na capital do Ribeiro. A prensa local, sen embargo, non se fixo eco. Un transeúnte, un cuarto nunha pensión e unha pistola foron obxecto, escenario e protagonista dun suicidio soterrado no silencio mudo do cemiterio civil. O pasado día dez a comunidade sanitaria, os colectivos de afectados e unha parte da sociedade sensibilizada pola evolución deste vello mal que provoca milleiros de mortes ó cabo do ano, deume pé para exhumar -nunca mellor dito- do arquivo destas crónicas unha historia singular que descoñezo se os ribadavienses conservan na memoria local e que tivo lugar no mes de febreiro de 1889, da que foi protagonista un comerciante francés que chegou á vila e alugou un cuarto nun hostal co único obxectivo de se suicidar.