LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo, el 79432

Vida e morte na “ferrovía do diabo”

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Primeiro foi o ferrocarril en Cuba, logo o Canal de Panamá e finalmente a “asasina” selva do Amazonas, entre Brasil e Colombia. A construción dunha vía de ferrocarril provocou milleiros de mortos españois, galegos e, loxicamente, ourensáns

Treito da ferrovía onde se intúen perfectamente as condicións dos 370 km que uniron Porto Velho con Guajará-Mirim.
Treito da ferrovía onde se intúen perfectamente as condicións dos 370 km que uniron Porto Velho con Guajará-Mirim.

Aínda que se dá por noticia certa que a primeira vía férrea española foi a que uniu Barcelona e Mataró en 1948, a realidade histórica non é tan así, xa que logo, once anos antes a illa de Cuba -daquela provincia española co mesmo rango institucional ca calquera outra demarcación penínsular- foi escenario da inauguración de 27,5 km que uniron a cidade de Güines coa Habana.

A masiva presenza de españois peninsulares que viaxaran á procura do éxito económico, levou a moitos deles a traballar na construción desa vía férrea -por máis que as condicións ambientais do Caribe non fosen as máis axeitadas para homes afeitos a un clima máis benévolo- e, logo, unha vez rematada esta, contuinuar noutros trazados que se foron desenvolvendo durante e despois do transcendental ano de 1898.

Curtidos -sobre todo os galegos- nunha aureola de fortaleza como traballadores de sol a sol, cando o Canal de Panamá precisou de ducias de milleiros de brazos fortes e destemidos, moitos deles foron reclutados -mellor dito, escravizados- para se transformaren en seres mortos en vida nas traicioneiras obras do Canal.

E cando o Canal deixou de precisalos, entre 1907 e 1912, aínda os houbo que se deixaron levar polas tramposas condicións económicas que lles prometeron cando se suscitou a necesidade de construír unha vía férrea entre os ríos Madeira e Maromé, na fronteira norte entre Bolivia e Brasil e en plena selva amazónica, para ver de darlle saída á produción da “borracha” ou caucho extraído da “seringueira”, un látex, este, moi utilizado pola industria do momento.

Para tal proxecto foi fundada a norteamericana “Madeira Mamoré Railway Company”, que reproduciu miméticamente a política de contratación de man de obra levada a cabo por outras empresas nos grandes proxectos anteriores.

Aínda que foron moitas as cifras que barallaron os xornais da época, non ten sido posible saber o número exacto de traballadores que se concentraron nesa zona e que levaron a moitos gobernos europeos e, polo tanto ó español, a prohibir e perseguir a reclutación de man de obra para ese lugar e incluso a enviar ó inspector de emigración Leopoldo D’Ozonville en 1916, que regresou cun informe “que supera en horror y monstruosidad a cuantos hemos leído u oído de las odiosas explotaciones a que se ve sometido el emigrante desamparado”.

De tal xeito se pronunciaba o xornal “El Mundo” do 31 de xaneiro dese ano, axitando a conciencia dos seus colegas para que difundisen a mesma información por toda España co fin de que ninguén se chamase a engano cando lle foran ofrecer o “paraíso”.

E aínda máis. “Llevar con engaños a inhospitalarias regiones a millares de españoles sin ventura, la mayoría braceros y campesinos, someterlos a una férula de hierro, quebrantarlos en un trabajo de esclavos, robarles en vida el pobre peculio ganado, precipitar la hora de su muerte y despojarlos después de sus ahorros...” Velaí o retrato descarnado do que alá acontecía sen que os familiares nin sequera fosen conscientes do inferno no que os seus morrían, o que facilitaba incluso que, unha vez mortos, a empresa quedase cos seus aforros, cousa que resumiu o devandito xornal ó titular “Seis mil españoles muertos, dos millones de pesetas no entregados”.

Despois dunhas décadas funcionando, finalmente a vía férrea -na que din que cada travesa representa un morto e un fantasma- foi pechada e hoxe só conserva 7 km destinados ó turismo.

O arrepentido Antonio Fernández, o escritor Benigno Cortizo e os mortos da Candelaria

Dado que a estatística non fai, senón, transformar impunemente as traxedias en meros números, velaquí unha pequena mostra de ourensáns que foron quen de quedaren rexistrados nas hemerotecas ou mesmo se erixiron en relatores da súa propia historia.

O cemiterio da Candelaria estaba a carón do “hospital”, preto de Porto Velho.
O cemiterio da Candelaria estaba a carón do “hospital”, preto de Porto Velho.

Entre eles -por ter formado parte da outra beira- destaca “nuestro ilustrado comprovinciano Antonio Fernández Martínez, de conocida familia de Barbadanes”, quen, “establecido desde muy joven en el Estado de Amazonas, formó parte de la empresa de colonización ‘Madeira Mamoré Railway C.’”, da que, posiblemente arrepentido, “dejó de pertenecer para radicarse en la importante ciudad de Manaos” chegando a vicecónsul de España e de Bolivia na citada “cidade dos trópicos”.

Con menos representatividade social, pero máis perspectiva histórica, atopamos a Benigno Cortizo Bouzas, de familia repartida entre A Lama pontevedresa e Beariz, chegou á Amazonia en 1908, con 17 anos, e despois de sofrir en carne propia as penalidades da ferrovía e ser testemuña doutros aconteceres da vida no norte do Brasil, en 1950 publicou un libro en castelán titulado “De la Amazonia al infinito”, que aínda hoxe é referentes dos investigadores.

Tampouco é de esquecer a aqueles que exerceron de colaboracionistas da empresa e se dedicaron a reclutar ós seus conxéneres, cobrando entre 600 e 1.500 pesetas ó mes, como foi o caso do ribeirao Manuel Álvarez.

Outra cousa son aqueloutros que forman parte da Santa Compaña da vía que moitos habitantes afirman ter visto nas noites sombrizas da impenetrable floresta e que permanecen soterrados no cemiterio da Candelaria, cando non por baixo das travesas da vía.

Nomeemos, por exemplo, a João Peres, salientado polo enxeñeiro Manoel Rodrigues Ferreira no libro “A ferrovía do diabo” (1962), ou a Santos Diéguez de 33 anos e natural do Cañizo, falecido no hospital da Candelaria, así como Ricardo Rodríguez Canabal, de Nogueira de Ramuín, que deixou 1.182.000 reis (unhas 827 pesetas), a Delfín do Rego, de Xinzo, Arturo Álvarez, Manuel F. Caride, Manuel González, Cesáreo Rodríguez, Ramón González, que entrou no hospital agonizando ou Manuel Sueiro e, coma o resto, morreu sen deixar absolutamente nada.

Contenido patrocinado

stats