Viaxe á memoria dos maiores do centro de día de Verín a través das cancións populares galegas
A LINGUA DAS AVOAS
O centro de día de Verín é un dos oito galegos que forma parte do proxecto xornalístico e audiovisual “Cancioneiro popular da memoria”, co que dous xóvenes estudantes homenaxean a tódalas avoas e bisavoas que preservaron a lingua a través das cancións
Solleira, o centro de día municipal de Verín, viviu este luns un dos inicios de semana máis emocionantes que lembran, tanto traballadores como os seus usuarios, nos seis anos de andadura desta dotación asistencial. Un día marcado polo apagamento que afectou á Península, pero que foi moito máis ca iso grazas á música, ben presente dende primeira hora.
Porque antes de que a vila do Támega quedara sen luz, os maiores desfrutaron cantando e lembrando algunhas das cancións populares galegas que forman parte da banda sonora das súas vidas.
“Pousa, Pousa”, “Apaga o Candil” ou “A Rianxeira” foron algúns dos clásicos que iluminaron as facianas dos usuarios e os retrotraeron aos seus anos mozos. Un exercicio de memoria colectiva e lembranza grazas á cultura popular, co que rememoraron temas, cantaron e tocaron a pandeireta. Antonio “O Asturiano” ata sacou a harmónica. En definitiva, a música fíxolles regresar ao pasado e vibrar no presente.
A razón de ser desta dinámica grupal ten que ver co Día das Letras Galegas, dedicado este ano á cultura popular na figura das cantareiras e da poesía oral, e na que moitas avoas e bisavoas xogaron, sen sabelo, un papel fundamental para preservar a lingua do país.
Esta homenaxe por parte da Real Academia Galega serviu como pretexto para que dous vigueses de 22 anos, David Alján Lusquiños e Pablo Barciela Gómez, estudantes de último curso de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, leven a cabo “Cancioneiro popular da memoria”.
Un proxecto transmedia, é dicir, un traballo xornalístico que se difundirá a través de diversos medios, formatos e plataformas, co que están a recompilar en vídeo as historias persoais de cantareiras anónimas como as das verinenses “Charola” Pérez ou Lola Salgado, e que ademais será o seu Traballo de Fin de Grao.
O proxecto xurdiu a raíz da Dora, unha avoa de Alján que padeceu alzhéimer, e que comezou a acudir a un centro de día: “Malia o deterioro cognitivo que sufriu, ela tiña unha grande faceta poética. Conforme foi avanzando a enfermidade, comezou a cantar e recitar moitísimas pezas, algunhas que nin tan sequera meu pai escoitara”.
O futuro xornalista ficou “abraiado” pola capacidade da música para “reactivar a memoria”, e buscou visibilizar o importante labor dos centros de día galegos para estimular eses recordos nas persoas maiores.
“Últimas lembranzas”
A directora de Solleira, Chelo Ferreiro, celebra que o centro de día de Verín fora escollido por “unha idea extraordinaria”, que busca “a raíz” da música galega na xente de máis idade: “A súa música é o que máis recordan, son as últimas lembranzas, xa que todo o de antes é o último que eles esquecen”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UNHA VISIÓN DE GALICIA
O fotógrafo Carlos Folgoso Sueiro será por fin profeta na súa terra, Verín
SORTEOS PARA CLIENTES
El comercio local de Verín recupera el concurso de escaparates
Lo último
Mariluz Villar
MUJERES
Hablar con Sophia
MANUEL FERRADÁS
Ferradás: una estirpe a golpe de cuchillo en O Carballiño
INVCITOS COMO LOCAL
Atlético Arnoia a seguir fuertes en casa ante el Pontevedra B
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Contumacia en el error