Opinión

Lingua de laboratorio

Éo galego unha “lingua de laboratorio”, como afirmou Carmen Santos, a secretaria xeral de Podemos en Galiza? Por que diría isto a politóloga viguesa? Talvez porque a normativa da RAG non lle comprace e se inclina polo reintegracionismo ou máis ben é contraria a calquera normativa e prefire que sexa a fala a que determine como cómpre expresarse en galego, así, en abstracto? Paréceme que Santos incorre nun erro que revela un coñecemento superficial da cuestión lingüística. O galego, como o francés, o catalán, o inglés ou o italiano son linguas vivas, porque son usadas de xeito cotián por un certo número de persoas para poñer en práctica iso que adoitamos denominar comunicación.

Neste proceso comunicativo, falar con corrección é desexábel, mais non imprescindíbel. Co de que non é imprescindíbel refírome a que colocar mal os pronomes, por exemplo, ou utilizar determinadas variante dialectais e carecer dunha fonética exquisita, non impide que dúas persoas poidan entenderse. Daquela, para que haxa entendemento, o que se necesita é que tanto emisor como receptor empreguen a mesma lingua, malia non ter o dominio absoluto. Agora ben, isto non é excluínte do noso obxectivo: falar e escribir con corrección. Se nos esmeramos en evitar galicismos en castelán -”un problema a resolver”-, poño por caso, e coidar a ortografía, por que non imos facelo co galego? É entón tamén o castelán unha lingua de laboratorio, na medida en que posúe normas que rexen o seu emprego? E o inglés ou o francés? As linguas apréndense falando. Diso non hai dúbida. Como facelo, con maior ou menor destreza, é algo que, normalmente, vén determinado pola práctica, á marxe das habilidades de cadaquén, obviamente. Hai xente que adquire as detrezas con certa celeridade e outra que non, mais todas as persoas que o intentan cada día son capaces de mellorar. Considero pois que Carmen Santos amosa certos prexuízos lingüísticos ao respecto do noso idioma, porque estou certa que en ningún momento calficaría como “lingua de laboratorio” o inglés. É máis, estou convencida de que aprender as normas que se lle explicaron na aula e pronuncialo ben é algo que valora moi positivamente. No entanto, seguro que o nivel de exquisitez non é sempre o mesmo. Ou si? Se é así, haberá que parabenizala. Un dez para ela. En todo caso, se comete algúns fallos, agardo, polo seu ben, que non se arredre e persevere, porque o desleixo que podería provocar un posíbel abandono, tería consecuencias pouco alentadoras para o resto das persoas que queremos aumentar o número de falantes.

Por todo isto, considero desexábel e necesario que Carmen Santos retire o dito. En primeiro lugar porque non ten razón e en segundo lugar polo ton ofensivo empregado. Sobre todo ao arremeter contra Carlos Callón por non ter “as 7 vogais” de xeito natural, coma ela, e engadir “Penso que igual tiñamos que darlle a Carlos Callón unhas clases de fonética, que lle fan moita faltiña”. A verdade é que este tipo de invectivas, de evidente intención ridiculizante, non deixan a Carmen Santos nun moi bo lugar. Se Callón é ou non é quen de pronunciar as setes vogais galegas carece en absoluto de interese, polo menos para min, aínda que talvez opine así porque son neofalante e, seguramente, o feito de eu carecer desa fonética exquisita de Carmen Santos me leve a identificarme con Carlos Callón. En todo caso, si teño claro que construír é sempre ben mellor que destruír, así é que prefiro unirme a alegría/ledicia/ gozo que desprende a actitude de Callón e separarme desoutras que buscan sempre o fallo. A botella pode verse medio chea ou medio baleira. Depende. A min gústame a auga fresca. Daquela, elixo e decido que a botella está medio chea e tiro cara a adiante. Como Callón.

Te puede interesar