Día das Letras Galegas

Honra a Florencio na sua vila natal

Figura de Florencio Delgado Gurriarán “camiñando” pola sua vila natal de Córgomo.
photo_camera Figura de Florencio Delgado Gurriarán “camiñando” pola sua vila natal de Córgomo.
A Real Academia Galega leva o seu plenario extraordinario até a aldea de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras

A Real Academia Galega (RAG) levará este ano o seu tradicional plenario extraordinario con motivo do Día das Letras Galegas até a pequena aldea de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, lugar de orixe do poeta homenaxeado este ano, Florencio Delgado Gurriarán, cuxa figura levará estes días a Valdeorras música, exposicións ou teatro, entre outras iniciativas.

O acto central das conmemoracións será o plenario da Real Academia Galega, que se desenvolverá o 17 de maio en Córgomo e contará con intervencións de tres membros numerarios, que pronunciarán unha breve alocución sobre a vida e obra de Delgado Gurriarán.

O historiador Ramón Villares trazará un percorrido pola biografía de Florencio Delgado Gurriarán, cuxa figura encarna o activismo cultural desenvolvido polos galeguistas que fuxiron a México, tendendo sempre pontes co exilio interior. Na súa persoa, a Real Academia Galega réndelle así homenaxe por primeira vez na gran festa das Letras Galegas á diáspora mexicana, da que formaron parte tamén o cineasta Carlos Velo, o editor Alexandre Finisterre, o profesor Luís Soto, o arquitecto Xosé Caridad Mateo, o escultor Uxío Souto, Ramiro Isla Couto, Elixio Rodríguez, Xermán Rañó, Carlos Tomé ou o pintor Arturo Souto.

Con Florencio Delgado Gurriarán a RAG tamén visibiliza a fala de Valdeorras. Esta é o punto de partida do galego do autor, no que se deterá a directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, que afondará na contribución do homenaxeado á construción dun modelo de galego supradialectal escrito moderno. Da parte literaria ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto a Carlos Casares foi o primeiro académico en reivindicar un Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán a comezos deste século.

Pola súa banda, a Consellería de Cultura, en colaboración co Concello de Vilamartín de Valdeorras, desenvolve con motivo das Letras un proxecto cultural iniciado pola Asociación de Veciños de Córgomo a comezos do 2000, co que realizan xornadas teatrais. Sen saír do teatro, o 17 de maio concluirá no Barco a xira de `Tras os vieiros de Florencio`, unha peza de Fantoches Baj con poesía do homenaxeado.

Entre os proxectos expositivos con motivo das Letras, a mostra “Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños”, comisariada por Ricardo Gurriarán, atópase xa dispoñible para o público, tras a súa inauguración o pasado día 4 de maio no Barco de Valdeorras.

En Vilanova dos Infantes, en Celanova, tamén o Día das Letras, terá lugar a Romaría Etnográfica Raigame.

A destacar

Unha das icónicas imaxes de Florencio Delgado.
Unha das icónicas imaxes de Florencio Delgado.

A figura de Delgado Gurriarán terá ademais o seu espazo en actividades dos diferentes centros galegos no exterior. O centro galego de Salamanca programa durante toda a semana actividades como unha descrición biográfica realizada por Alba Rozas, unha actuación da coral do Centro Galego e a lectura de poesías de Florencio Delgado. Pola súa banda, o Centro Galicia de Buenos Aires desenvolverá, até o 21 de maio, unha conferencia sobre as Letras e Delgado Gurriarán, unha lectura pública de textos, un taller de creación poética colectiva, xogos poéticos para nenos, ou un coloquio virtual, entre outros proxectos.

Te puede interesar