A desgraza de Monty
Á semana pasada quedara nas primeiras rodaxes do guapo, intelixente e culto actor Montgomery Clift. Certo que seica era intelixente, pero a verdade é que non soubo manexar moi ben tal intelixencia, xa que no medio de tanto triunfo, a súa vida persoal empezou a fallar; na súa maleta xa se podían atopar tranquilizantes, antidepresivos ou barbitúricos. Angustiábao o insomnio e intentou sen éxito unha cura antialcohólica, polo que visitaba diariamente ó seu psicanalista.
Don Alfred Hitchcock escólleo para que sexa o protagonista da súa película Yo confieso (1953), pero os resultados non son os que desexaban ambos os dous; Monty non cre no director e Hitchcock renegará sempre desta película. Así é que marcha para Italia para poñerse ás ordes de Vittorio de Sica en Estación Termini (1953). No marzo dese enfróntase cun papel no que confía plenamente: De aquí a la eternidad (1953), baixo a batuta de Fred Zinnemann e á beira duns actores inmensos: Burt Lancaster, Deborah Kerr, Frank Sinatra e Ernest Borgnine. Grazas a esta película conseguiu non beber unha gota en toda a súa rodaxe. Nomeárono ó Oscar, pero déronllo a William Holden. Dous anos máis tarde volve ó cine grazas a que o convenceu a súa fada madriña: Liz Taylor. Traballaron xuntos en El árbol de la vida (1957).
O 12 de maio de 1956 ten un accidente de coche no que perde case todos os dentes, ten rotos os pómulos, o nariz e a mandíbula. É certo que os médicos fixeron unha reconstrución minuciosa e incrible, pero aínda así Montgomery Clift xa non volverá ser o mesmo. Non obstante, roda El baile de los malditos (1958), e entre borracheiras e resentimentos participa tamén en De repente, el último verano (1959), de Joseph Mankiewicz. Só Elizabeth Taylor logra que o director non cancele a rodaxe, porque as condicións do actor son ínfimas.
Elia Kazan consegue mantelo sobrio durante os dous meses e medio da rodaxe de Río salvaje (1960), e inmediatamente John Huston chámao para Vidas rebeldes (1961), ó lado de Clark Gable e Marilyn Monroe. Faría algunha película máis, pero como diría a propia Marilyn: “Á única persoa a quen lle vai peor na vida que a min é a Monty Clift”. Este morrería só no dormitorio, que por primeira vez pechou por dentro, e din que de morte natural. Era o 22 de xullo de 1966.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ESTILO CON SELLO GALLEGO
La primera dama de Nueva York elige unas originales botas de esta marca gallega