Opinión

Manadas

Arestora case sería capaz de afirmar que, tal como acontece no fútbol onde todos levamos dentro un seleccionador, do mesmo xeito levamos tamén un experto no código penal español.

Teñen sido tantas as conversas e debates mantidos nos últimos días na conversa nocturna familiar, nun descanso do traballo ou tomando unhas cañas nun bar, que, foramos quen de ler as trescentas e pico páxinas da sentencia ou un twitt de cento corenta caracteres como resumo, a ninguén nos caen prendas por -discúlpeme o concepto- cagar sentencia sobre a pobre moza -que é a única víctima-, sobre os cinco animais que a forzaron e mesmo sobre os tres maxistrados que dictaron normas, cunha achega especial ó terceiro deles en discordia por erixirse portavoz da disidencia razoada con voto particular.

Todos -incluso o señor ministro- nos colocamos fronte o espello das verdades absolutas, conscientes de que nós somos os que estamos do lado bo e son, os que non pensan coma nós, os que están do lado da maldade e polo tanto do machismo, da misoxinia ou da defensa implícita dos violadores potencias.

E todo elo baseándonos, non xa en extractos máis ou menos ben escollidos da sentencia -eu tampouco a lin, evidentemente-, senón en resumos de titular que correron coma a pólvora e xeraron unha eclosión unívoca, contra a que non estou en contra, evidentemente, pero que me fixo reflexionar.

Fíxome reflexionar, sobre todo, arredor de cara onde camiña esta sociedade embeleñada -nunca mellor dito- cada vez máis na vertixinosa inmediatez das redes sociais, nas que a análise reflexiva caduca cando a vista supera os dous parágrafos de media ducia de liñas e onde o "homo sapiens" se transforma en "homo simples", capaz de interpretar unicamente o "0" e o "1" cos que está conformado o código binario e co que se comunican os trebellos informáticos ós que vivimos permanentemente apegados.

Vaia por diante -creo telo dado por suposto, xa- que eu tamén son do bando -e quen non!- dos que pensamos que un "non", aínda que sexa mudo, é suficiente para transformar a acción pretendida nun delito penal. E do mesmo xeito que penso iso tamén me indigna a posibilidade de que eses cinco seres primitivos poidan tocaren a rúa denantes de mude a década.

Pero igual que penso iso, tamén penso que a xustiza non pode ser dictada pola masa afervoada porque converteriamos ó pobo noutro tipo de manada, nada desexable para o noso futuro social.

Non saíu -que eu reparara- ningunha foto en ningún xornal, pero os que estabamos na praza Maior vímolo cos nosos propios ollos e a min -dígollo sinceramente- levoume mentalmente a tempos de Torquemada e dun famoso cardeal. Foi no intre no que unha moza amosou solemnemente a fotografía do maxistrado disidente e despois de sinalalo co dedo perante o clamor popular, púxolle lume á imaxe, o que na linguaxe virtual sobre a que veño de reflexionar, veu a ser como executalo na fogueira sen a máis mínima garantía procesal.

Te puede interesar