Fixo ben Otero?

Publicado: 05 abr 2025 - 02:00

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

O pasado luns tiven o pracer de colaborar co Liceo nunha mesa redonda sobre a figura de Castelao para homenaxealo no 75 cabodano. Acompañei a Miguel Anxo Seixas e José Manuel Barbosa. Ningún lugar tan propicio como o Liceo. Alí expuxo de forma individual por primeira vez en 1912 e alí ditou daquela a súa conferencia “Algo acerca de la caricatura”.

A min cadroume falar de Castelao e Ourense e dividín a exposición en catro apartados que desenvolverei en próximas entregas: 1) O achegamento pregaleguista a Ourense, 1911-12, coa tuna, a Coral, as exposicións e Rey Soto como oficiante da súa voda.

2) Os múltiples contactos na ilusión galeguista, digamos, entre 1918 e 1936.

3) Un exilio rodeado de ourensáns –Luis Soto, Rodolfo Prada, Tacholas, Blanco Amor, o Centro Ourensán, editorial As Burgas.

4) Homenaxes en Ourense a Castelao, en especial, a do Ateneo en 1974/5, primeira de Galicia.

Obviamente, na relación de amigos aurienses, destaca Otero Pedrayo, o “irmán”, ao lado de Risco e Leuter con quen inaugurou as emisións de radio en Galicia -URC- en 1933.

E sinalei un detalle, se cadra non coñecido do grande público, que tiña que ver coa posible volta de Castelao a Galicia, en 1949. Vexamos. Cando viaxa en 1947 Castelao a Bos Aires desde París, despois do fracaso do Goberno republicano no exilio, escríbelle a Otero unha carta cunha frase célebre “Eu levo moitas ganas de abrazarte, pois xa non teño esperanza de ver nunca máis a Nosa Terra, e abrazarte a ti, é abrazar a Galiza”. En Buenos Aires emociónanse e abrázanse un par de veces. E no barco de volta escríbelle Ramón á súa nai “No ha perdido el humor, pero cree que le enterrarán en B.A. Es donde mejor está porque le quieren y cuidan mucho”. Durante a escala do barco en Lisboa, Otero escríbelle a Castelao “Xa sabes que para a vellez se as cousas se puxeran de outro xeito, tés sempre un refuxio e un amor en Trasalba; é decir tendes, viva eu, ou non viva”.

"A cousa é grave. Non sabería que aconsellar. Eu, con tod’a dor, no canto de il, non viña...”

Pois ben, en 1949, sabedores da crítica saúde de Castelao, Ben Cho Shey e outros, queren propiciar a súa volta a Galicia. Un indulto de 1945 contribuíra a que volveran xa a metade das 440.000 persoas que pasaran a Francia. Eran tempos do inicio da recuperación dunha sensibilidade galeguista, antes de Galaxia. Otero colabora con Filgueira no proxecto Bibliófilos Gallegos, no Instituto Padre Sarmiento e na RAG. Filgueira achégase a Ourense aos actos que se celebran en honra de Lamas onde Otero cita a Castelao, fala en galego e fai o ridículo o gobernador.

Castelao doente estaba en toda conversa. Ben Cho Shey anima a Filgueira a que se mova para que poida morrer na casa. Nunha carta maio de 1949, dille Otero a Filgueira falando de Castelao “Deus lle conceda saúde pra vir á Terra ou seguir soñando nela”. Filgueira, ve unha fiestra e dille: “Escribeume o José Ramón falando de que, por todo, conviría que o pobre Daniel non morrese lonxe e pedindo se faga algo. Eu estou disposto a escribir alá e acó a quen cumpra. Mais, denantes de facelo, penso se el quererá que se faga. Dígamo. Coido que a pouco que se fixera sería doado”. O 14 de xuño, Otero coméntalle unha carta de Rodolfo Prada dándolle conta da fráxil saúde de Castelao e contéstalle: “Sobor da volta ¿quen dá unha absoluta garantía? Alá vai superiormente atendido. Eiquí... veríamos. Logo hai que comezar polo principio: a vontade do doente. A cousa é grave. Non sabería que aconsellar. Eu, con tod’a dor, no canto de il, non viña...”.

Filgueira, sen o apoio do da rúa da Paz, non se atreve a intentalo. Fixo ben Otero? Se cadra politicamente, si. Humanamente, non o sei. Poida que nin a tempo estivesen.

Contenido patrocinado

stats