Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Muertos
PENSAR POR PENSAR
Confésome paseante de librerías, tanto se son pequenas como de grandes superficies. O pracer de gozar de portadas enxeñosas, títulos cuestionables e contraportadas precisas ou rebuscadas é unha fonte de entretemento xenial. Non ten comparación con ningunha outra actividade de lecer en relación cos libros. Por suposto, a consecuencia é saír do establecemento con, polo menos, un exemplar que non desexara nunca. Nestes días do Nadal de agasallos compulsivos a ledicia multiplícaseme ao ver colas para pagar nas caixas e mesmo a atención coa que os presuntos lectores escollen títulos á marxe das recomendacións do márketing ou do reclamo dos premios literarios. Xunto aos expositores de chamada dirixida á clientela viven e funcionan os espazos onde as pequenas editoriais, as independentes ou as especializadas sacan a cabeza á superficie do gran océano e conseguen atraer a quen busca con interese ou simplemente paseamos. Quizais por iso as estatísticas reflictan con razón non só o aumento de xente lectora senón tamén a apertura de novas librerías á marxe das grandes e poderosas cadeas. O libro, contra o predicado pola ameaza da internet, permanece nos andeis dos fogares como mostra de prestixio e por ser con solvencia soporte das culturas. Unha alegría ao concluír o ano.
No pasado cheguei a acumular unha biblioteca de máis de cinco mil exemplares. A de agora debe cifrar os tres mil. Así que decidín regalar bo número deles para facer sitio nos estantes. Imposible.
A esta satisfacción hei de sumar a noticia da caída de compradores de lecturas nas redes e a perda de interese das recomendacións nos medios de comunicación de masas. Quen le con conciencia prefire tocar o exemplar, analizar unhas liñas e valorar o tempo que levará a lectura antes de pasar por caixa. Sa e recomendable actitude. Aínda que non debemos desdeñar totalmente o impulso das redes e procede seguir escoitando con atención na radio ou a televisión a presenza do libro recomendado, o meu consello é ir á librería do noso barrio palpalo e adquirilo nela. Deste xeito ademais fomentaremos o negocio de proximidade e a creación de postos de traballo. E, sobre todo, é bo colaborar con esas novas librerías especializadas que son ademais centros de actividades culturais, talleres de lectura, propostas lúdicas… máis aló da presentación habitual de novidades. A chamada do libro está a fortalecerse ata o extremo de que en EEUU, paraíso das aparencias, xurdiu un curioso negocio consistente en fabricar sobrecubertas de cores e tipografías orixinais, para os exemplares preferidos ou coleccionados, acordes coa decoración do salón, do despacho ou do estudo. Un luxo idiota buscando o prestixio de posuír unha biblioteca singular. O vello fetichismo da mercancía remocicado.
Chegado este momento de final de ano como paseante de librerías e lector compulsivo non podo evitar unha mirada á torre de libros que agardan no meu estudo para ser lidos e teño a impresión de que moitos acabarán durmindo no soño do esquecemento. No pasado cheguei a acumular unha biblioteca de máis de cinco mil exemplares. A de agora debe cifrar os tres mil. Así que decidín regalar bo número deles para facer sitio nos estantes. Imposible. Non mos recollen nin en bibliotecas públicas e privadas nin en centros escolares nin en ningunha entidade ás que chamei. Desde hai tempo teño o costume de abandonalos no bus urbano, nos trens ou nos bancos públicos. Non é suficiente, así que me gustaría propoñer aos concellos a creación ou utilización dos quioscos de prensa abandonados como espazos de intercambios de libros lidos en liberdade. Deste xeito aumentarían as súas vidas en puntos fixos seguros, promocionando a lectura entre quen non teñen a posibilidade de ser paseantes de librerías.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Jugando al Eurotrack Simulator
El streamer Pau Fuentes alucina con el Puente del Milenio en su recorrido por Ourense: "¡Vaya puentecito!"