Plácido Blanco Bembibre
HISTORIAS INCREÍBLES
Navidad o la fragilidad de Dios
O verbo “emparellar” e derivados teñen moitos significados e todos funcionando en base dúas, por iso de “par”. E iso que hai anos chegou a un concello do sur de Ourense -díxomo a funcionaria que o atendeu- un home preguntado polo “emparellador municipal”. E a cousa non era que desexase unha recomendación para ir a “first dates” ou que o axudasen a encontrar parella -seguro que a máis de un non lle importaría un servizo municipal así- senón por unha cuestión de obras na casa, polo que o home quería referirse ao “aparellador”, termo que ten unha das definicións máis longa do noso dicionario “Técnico da construción titulado que se ocupa de funcións moi diversas que van desde a redacción de informes ata a dirección da execución material de edificios, pasando por labores relacionados coa seguridade e a saúde, a xestión do proceso construtivo, a redacción de proxectos de intervencións menores e o asesoramento técnico”. Ou sexa, de parellas, nada. Si de aparellar ou concertar. En fin, non lles vou falar do aparellamento, emparellamento ou o que sexa do BBVA e o Banco Sabadell porque nin sei abondo do asunto nin me interesa especialmente; ademais traballo con outras latitudes financeiras máis nosas.
Voulles comentar algo de vodas, casamentos, etc. Vamos ver. Se casar e casamento teñen a raíz casa, pódese dicir que todas as parellas que vivan baixo o mesmo teito, de feito, están casadas, pois teñen casa común. De aí que no portugués chamen “casal” aos matrimonios, e mesmo que o seu dicionario Príberam o defina como primeira acepción -un tanto dura para nós-, “Par formado por macho e fêmea (ex. Casal de elefantes)”. O que hai menos é vodas, porque a xente tende a comprometerse menos. E voda, claro, vén dun plural latino que serían “votos”, como promesas solemnes, vivo en palabras como devoto, devoción, etc. Ou sexa que se unha parella pon casa e fai promesas de viviren xuntos, etc. etc. estarían casando e facendo voda. E non falemos de matrimonio que vén de matriz, e non sería correcto para home-home.
Así que o reduto de presión sobre as parellas para casar, despois de que caducaran as indicacións da Igrexa, dos pais, dos avós, da sociedades, vai ser o sistema bancario!
Ben. Dicíalles que iso das vodas está en franca decadencia. Pasa polo xulgado ou o altar pouca xente. Tan pouca, que en Ourense, no 2023 houbo 606 nacementos con nai casada (45 %) e 733 (55 %) con nai solteira; a mesma porcentaxe, por certo, que en Suecia, e cinco puntos por riba de España. Tanto cambiou a cousa que o outro día falando cun mozo de trinta e tantos descoñecía a expresión “casar de penalty”... pois nin casan, nin é significativo o feito do nacemento así. O raro xa vai sendo o contrario.
E este cambio prodúcese, claro, pola a extensión das liberdades persoais e a diminución da presión social, familiar e relixiosa. E contáronme de boa fonte que o outro día unha parella que levaba varios anos xunta lle dicía aos proxenitores dun deles que ían casar. Da sorpresa derivou a pregunta do porqué, pois xa nin falar do tema é hábito nas casas. “O caso é que sexan felices, e se queiran e se fagan boa vida” é o que pensa o conxunto da sociedade. E a resposta fíxoos rir (e reflexionar). “E que o banco... para darnos a hipoteca... di que nos temos que casar, porque é mellor ter papeis, etc. etc.”. Con toda lóxica do mundo, claro.
Así que o reduto de presión sobre as parellas para casar, despois de que caducaran as indicacións da Igrexa, dos pais, dos avós, da sociedades, vai ser o sistema bancario! Deica pouco, en vez do notario ou o alcalde, oficiará o casamento, xa verán, o director da sucursal bancaria. Así, pois, tempo ao tempo. Cousas máis raras se viron.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Plácido Blanco Bembibre
HISTORIAS INCREÍBLES
Navidad o la fragilidad de Dios
Jesús Prieto Guijo
LA OPINIÓN
Parricidio en El Palmar
Mariluz Villar
MUJERES
Hablar con Sophia
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Contumacia en el error