15 mar 2026

Alba Fernández, o xogo do figurativo e o abstrato nas artes plásticas

Segue namorada da arquitectura, a súa carreira de formación, pero hai nove anos decidiu construír outros soños vencellados ás artes visuais. E nese espazo non ten límites, xa que a vocación exploradora de Alba Fernández permítelle viaxar dende o debuxo á cerámica ou á pintura. No eido da ilustración, por exemplo, acompaña cada domingo os artigos de Jaime Noguerol en La Región, onde amosa o trazo do seu talento. O venres inaugurou a exposición “Un mundo por pensar”, onde trata de provocar se é posible artellar un mundo mellor. A mostra de pintura e debuxo, ubicada na galería Dodo Dadá, responde a unha “teima” súa sobre a esperanza, é dicir, sobre a necesidade de convertela nun elemento imprescindible para insistir e persistir na loita por cambiar o rumbo trabucado dos tempos.